Categorías:
CHOVE SOBRE MOLLADO. UN DESPROPÓSITO LEXISLATIVO QUE SOBRECARGA Ao COLECTIVO DE PROFESIONAIS LABORALISTAS.
Os graduados sociais levantamos a voz. E é que chove sobre mollado. A última Orde que regula as normas de cotización para este ano, que entrou en vigor o 1 de abril con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro é, ao noso xuízo como profesionais laboralistas, un despropósito lexislativo que tensiona ao colectivo, xera unha carga de traballo inmanexable e amplifica a inseguridade xurídica de empresas e traballadores. Pregúntome como entenden a planificación das empresas ao comezo de cada exercicio o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes que asina a Orde e as ministras de Inclusión, Seguridade Social e Migracións ou a de Traballo e Economía Social que a propoñen? Será tan difícil de entender que é necesario coñecer a norma que vai rexer as cotizacións antes do inicio do ano fiscal ou polo menos nos primeiros días do mes de xaneiro e non con tres meses de atraso?
Se estamos obrigados a cumprir prazos pido que esa obrigación sexa para todos, cidadáns e Administración e que se actúe e lexisle con coherencia. Estamos a falar de regularizar nóminas xa pagas, de cargar de traballo tamén á propia administración pública, cando ademais estamos ás portas de iniciar un proceso de regularización de migrantes que supoñerá para a Administración unha importante carga burocrática, que afectará entre outras á TGSS. Nun país cunha poboación ocupada que, segundo os últimos datos, supera os 22 millóns de persoas traballadoras estamos a falar de ter que refacer as nóminas do primeiro trimestre do ano dun gran número delas. Aínda que a propia Tesourería Xeral da Seguridade Social comprometeuse a regularizar de oficio as cotizacións de xaneiro e febreiro, as de marzo hai que adaptalas en cuestión de días e sen marxe de manobra. Falamos de facer as necesarias liquidacións en tempo marca; un auténtico caos para pemes, empresas e traballadores.
Estamos no núcleo dunha tormenta perfecta e esgotados. Xa pasou no ano 2022, no 2023, no 2024, no 2025, e a actual que ademais se xunta no calendario coas obrigacións fiscais do primeiro trimestre de 2026, impostos que han de estar calculados e listos para presentar na primeira quincena de abril na modalidade de domiciliación en conta.
Se hai un colectivo que traballe man a man coa Administración e sirva de ligazón entre as empresas, os traballadores e a Autoridade laboral este é o dos Graduados Sociais. Falamos de 17.000 laboralistas en todo o país, máis de 600 adscritos ao Colexio Oficial de GGSS da Coruña e Ourense. Cando hai que arrimar o ombro, arrímase. Non hai máis que lembrar o traballo esencial e extenuante destes profesionais durante a pandemia. Pero ese esforzo, puntual e ante un feito insólito, non pode consolidarse. Esta publicación no BOE trae de cabeza aos departamentos laborais e contables realizando as correccións necesarias de urxencia. E non nos esquezamos dos técnicos informáticos traballando a contrarreloxo para modificar as aplicacións coas que realizamos eses cálculos, modificacións que tiveron que estar listas aos poucos días da entrada en vigor da Orde. Esta forma de lexislar, que se vén repetindo nos últimos anos, non pode chegar para quedarse. Os continuos cambios normativos ou unha Orde como esta que nos ocupa, non só xeran unha carga adicional e innecesaria para os nosos colexiados, senón que afectan directamente os traballadores que poden ver regularizadas as súas nóminas, e ás empresas, que se enfrontan a axustes nas cotizacións ou nas retribucións xa abonadas.
Denunciámolo moitas veces. Pasamos de ter unha Administración ao servizo dos cidadáns, a uns cidadáns ao servizo da Administración. Os nosos profesionais senten, cada vez con máis intensidade, que traballan ao seu servizo no canto da o dos seus clientes (empresas e traballadores).
A dixitalización desordenada da Administración supón unha carga de traballo que se multiplica e desdibuja os nosos dereitos laborais máis básicos como a desconexión dixital ou o descanso en festivos e fins de semana. Estamos a recibir infinidade de notificacións que colapsan as nosas caixas de correos, durante as 24 horas do día todos os días do ano, incluídos festivos e fins de semana. Cada vez é máis difícil contactar cun funcionario que resolva as dúbidas alén do teléfono; cada organismo ten a súa propia plataforma ou aplicación e con percorridos distintos para cada trámite...dominar o seu manexo require horas e horas de traballo que sumamos ao que é a nosa actividade en si. É tempo de parar, falar, e reconducir o proceso.
O noso malestar colectivo é tan obvio como extremo e, desde o Consello Xeral de Graduados Sociais de España esiximos con rotundidade á Administración unha solución definitiva para que esta situación non volva repetirse.
A relevancia desta situación foi igualmente recollida polo diario La Voz de Galicia, que na súa sección de Opinión faise eco do malestar do colectivo, evidenciando a transcendencia e impacto desta cuestión no ámbito profesional e empresarial. [VER ARTIGO]
