Estatutos

Orde do 2 de abril de 2013 pola que se aproban os estatutos

Orde do 2 de abril de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. (Dog núm. 79 de 24 de abril de 2013)

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. As competencias nesta materia corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acordou en asemblea xeral, que tivo lugar o 9 de xuño de 2012, aprobar a modificación dos seus estatutos. Posteriormente o texto foi presentado ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria efectuada, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 1 de decembro de 2008
Estes estatutos derrogan os anteriores aprobados pola Orde da Consellería de Presidencia, Administraciós Públicas e Xustiza do 1 de decembro de 2008.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ordenar a publicación da modificación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición final única. Entrada en vigor Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
 
ANEXO
 
Estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense

Título I - Do colexio de graduados sociais

Artigo 1. Natureza e ámbito

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense é unha corporación de dereito público, de carácter profesional, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. Someterase na súa actuación e funcionamento aos principios democráticos e ao réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias.

Artigo 2. Membros

1. O Colexio de Graduados Sociais estará integrado polas persoas que teñan os títulos de Graduado Social, Graduado Social Diplomado, diplomado en Relacións Laborais, grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos ou os que, calquera que sexa a súa denominación, os substitúan ou se creen no futuro co alcance e nivel equivalentes, sempre que a lei atribúa aos que estean en posesión deles o dereito de acceso á profesión de graduado social e reúnan os requisitos exixidos por estes estatutos e polas normas que lles sexan de aplicación.

2. No exercicio profesional utilizarase exclusivamente a denominación de graduado social.

3. O acceso e exercicio á profesión de graduado social rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, minusvalidez, idade ou orientación sexual.

Artigo 3. Organización territorial

1. Constitúese o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense con ámbito territorial das provincias da Coruña e Ourense.

2. 2. O domicilio do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense fíxase na cidade da Coruña; rúa Monforte, núm. 12, baixo.

(Orde do 08 de maio de 2017 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. DOG núm.: 100 de 29 de maio de 2017)

3. A segregación da provincia de Ourense deberá ser solicitada por trinta colexiados da provincia de Ourense, dos cales quince deberán ser exercentes; requirirá o acordo do Colexio e deberá ser aprobada por decreto, logo do informe favorable do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais, ou do Consello Xeral no seu defecto.

4. O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense axustará o uso do galego ao previsto na lexislación autonómica de Galicia e, de ser o caso, ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O Colexio, para o mellor cumprimento dos seus fins e un achegamento dos seus servizos aos colexiados e, en particular, aos cidadáns en xeral, poderá establecer delegacións naquelas localidades que considere conveniente. A constitución de delegacións aprobaraa a Xunta de Goberno considerando o número de colexiados, de xulgados, de asuntos, de organismos públicos relacionados coas competencias da profesión, de poboación e de cantos factores aconsellen a súa creación.

As delegacións terán as facultades e competencias que lles sexan asignadas pola Xunta de Goberno e, se é o caso, polo presidente no marco das súas competencias. A dirección da delegación exerceraa, preferentemente, un dos membros da Xunta que teña o seu domicilio no territorio que a comprenda. Os delegados que estean autorizados a dispor de fondos do Colexio por medio da conta que se abra na delegación para os gastos do seu funcionamento renderán conta mensual das súas disposicións.

Artigo 4. Réxime xurídico

O Colexio rexerase pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais; pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia; polo Real decreto 1415/2006, do 1 de decembro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de graduados sociais; polo Real decreto 503/2011, do 8 de abril, polo que se modifican parcialmente os estatutos xerais dos colexios oficiais de graduados sociais; polo Código deontolóxico dos graduados sociais e demais lexislación aplicable, coas peculiaridades que para este colexio se regulan nos seguintes artigos destes estatutos.

Artigo 5. Fins do Colexio

Os fins esenciais do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense son:

a) Alcanzar a adecuada satisfacción dos intereses xerais en relación co exercicio da profesión respectiva.

b) Ordenar o exercicio da profesión, dentro do marco legal respectivo e no ámbito das súas competencias.

c) Representar e defender os intereses xerais da profesión, así como os intereses profesionais dos colexiados.

d) Velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados.

e) Controlar que a actividade dos seus colexiados se someta ás normas deontolóxicas da profesión.

f) Protexer os intereses dos consumidores e usuarios polos servizos prestados polos seus colexiados, todo iso sen prexuízo das competencias da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Artigo 6. Funcións do Colexio

1. Corresponde ao Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense o exercicio das seguintes funcións dentro do seu ámbito territorial:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial. Elaborar os seus estatutos particulares e as súas modificacións, os cales se remitirán ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais e ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais, se é o caso, para o seu coñecemento e rexistro; redactar e aprobar o seu propio regulamento de réxime interior e demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias.

b) Representar e defender a profesión ante a Administración, institucións, xulgados e tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

c) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis e os estatutos profesionais, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

d) Promover a organización dun sistema de asistencia que permita contar cos servizos dun graduado social por parte dos que carezan de recursos económicos para sufragalos.

e) Participar, cando así se encontre establecido por normas legais ou regulamentarias, nos consellos e órganos consultivos das distintas administracións públicas en materia de competencia da profesión do graduado social.

f) Estar representados nos consellos sociais universitarios radicados no ámbito territorial do Colexio sempre que así estea previsto na correspondente lexislación autonómica en materia de universidades.

g) Participar na elaboración dos plans de estudo, sempre que sexan requiridos para tal fin polos centros docentes onde se cursen as ensinanzas conducentes á obtención dos títulos que habilitan para o exercicio da profesión de graduado social; manter contacto permanente con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso ao exercicio profesional dos novos colexiados.

h) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión, e outros análogos; prover o sostemento económico cos medios necesarios e organizar, se é o caso, cursos para a formación profesional dos posgraduados.

i) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados e perseguir a competencia desleal entre estes.

j) Adoptar as medidas conducentes a evitar a intrusión profesional.

k) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

l) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

m) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos nos cales se discutan honorarios profesionais, así como establecer, se é o caso, servizos voluntarios para o seu cobramento.

n) Exercer cantas funcións lles sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle poidan ser encomendadas ou acorde realizar por propia iniciativa.

ñ) Exercer a representación que establecen as leis para o cumprimento dos seus fins.

o) Facilitar aos xulgados e tribunais a relación dos colexiados que poidan ser requiridos ou designados para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

p) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

q) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

r) Atender, dentro do seu ámbito territorial, as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei.

s) As demais que veñan establecidas pola lexislación estatal ou autonómica.

2. Os acordos, decisións e recomendacións do Colexio de Graduados Sociais observarán os límites e adecuaranse en todo caso á Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, así como aqueles que afecten o réxime de libre competencia do exercicio da profesión, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, tal e como establece o artigo 2.2 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, e o número 4 do artigo 2 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, na redacción dada pola Lei 25/2009, do 22 de decembro.

Artigo 7. Tratamento

O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense terá o tradicional tratamento de excelentísimo. O devandito tratamento é como consecuencia da concesión da Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo polo Real decreto do 30 de abril de 1982.

Artigo 8. Tratamento dos presidentes dos colexios

1. O presidente do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense terá o tratamento de Ilustrísimo/a señor/a.

O tratamento do presidente terá carácter vitalicio e a condición de ex presidente regularase no Regulamento de honras.

(Corrección de erros. Orde do 02 de abril pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. DOG núm.: 99 do 27 de maio de 2013).

2. O presidente levará refollos de encaixe na súa toga, así como medallas, placas, bastón ou calquera outro atributo correspondente ao seu cargo, en audiencia pública e actos solemnes a que asista en exercicio da súa condición.

3. Nos restantes actos oficiais observaranse as normas de protocolo.

Artigo 9. Indumentaria

1. O presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense e os membros da Xunta de Goberno usarán toga, así como a medalla correspondente aos seus cargos, en audiencia pública e actos solemnes a que asistan no seu exercicio.

2. Nos restantes actos oficiais observaranse as normas de protocolo.

Artigo 10. Insignia e logotipo

1. A insignia profesional dos graduados sociais colexiados estará constituída pola balanza da xustiza, entre cuxos pratos hai dúas espigas de trigo que enmarcan unha roda dentada, símbolo do traballo, no pé da cal se lerá «Iustitia Socialis», e ten como fondo uns raios dourados e fulgurantes.

2. O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense poderá deseñar unha insignia ou logotipo específico para ser utilizado como imaxe corporativa polos profesionais adscritos a el. Este logotipo terá por finalidade destacar ou subliñar a pertenza específica ao Colexio da Coruña e Ourense e inspirarase, en todo caso, nos motivos e contido do logo xeral da profesión.

Artigo 11. Distincións

1. Nos actos oficiais solemnes, os membros da Xunta de Goberno do Colexio levarán unha medalla que reproduza a insignia profesional, en cuxa base se lerá o título do Colexio, suxeita con cordón de seda verde esmeralda. A devandita medalla será de ouro ou dourada para o presidente e de prata ou prateada para os restantes compoñentes da Xunta de Goberno.

2. As citadas medallas, expresadas en miniatura de dous centímetros, poderanas levar sobre calquera traxe os que ocupen ou ocupasen cargos na Xunta de Goberno do Colexio, así como os colexiados de honra.

Artigo 12. Honras e recompensas

1. A Xunta de Goberno do Colexio está facultada para premiar os méritos que, no exercicio da profesión, contraian os colexiados e os servizos que lle presten as persoas ou colectividades alleas ao Colexio. Para tal fin elaborarase un regulamento específico con carácter xeral. Os acordos deberán ser ratificados pola Xunta Xeral.

2. Créanse os títulos de presidente de honra e colexiado de honra, que poderán ser conferidos pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno do Colexio, para premiar os méritos que, no exercicio da profesión, contraian os colexiados e os servizos relevantes que lle presten as persoas ou colectividades alleas ao Colexio.

3. Os ex presidentes e as persoas que teñan o título de presidente de honra terán dereito, nos actos públicos do Colexio, a usar toga cos símbolos que distinguen o presidente e a ocupar neles un lugar preferente.

Título II - Dos colexiados

CAPÍTULO I: DA INCORPORACIÓN

Artigo 13. Clases de colexiados

No Colexio de Graduados Sociais existirán catro clases de colexiados:

a) Exercente libre da profesión por conta propia ben de forma individual, ben de forma asociada ou colectiva.

b) Exercente da profesión por conta allea mediando unha relación laboral, e sempre que tal contratación sexa precisamente na súa calidade de graduado social.

c) Non exercente.

d) Emérito. Incluiranse nela os colexiados xubilados e as persoas que, por razón de circunstancias excepcionais apreciadas pola Xunta de Goberno, merezan esta consideración.

Artigo 14. Incorporación ao Colexio

A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais require o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incurso en causa que impida o exercicio profesional.

b) Estar en posesión do título de Graduado Social, Graduado Social Diplomado, diplomado en Relacións Laborais ou grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos ou os que, calquera que sexa a súa denominación, os substitúan ou se creen no futuro co alcance e nivel equivalentes ou do título estranxeiro homologado ou recoñecido en España como un dos anteriores.

c) Carecer de antecedentes penais que o inhabiliten para o exercicio da profesión.

d) Satisfacer a cota de ingreso e demais achegas que estableza o Colexio por acordo da Asemblea Xeral.

e) Xustificación da póliza de responsabilidade civil para o exercicio da profesión e obriga de comunicar calquera cambio nas súas condicións á Secretaría do Colexio.

Artigo 15. Requisitos do exercicio profesional

1. Será de incorporación obrigatoria ao Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, coa excepción prevista no artigo 3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, a de todo aquel profesional que teña como domicilio profesional, único ou principal, calquera localidade da provincia da Coruña e Ourense, que estará facultado, sendo requisito indispensable e suficiente esta colexiación, para o exercicio da profesión de graduado social en todo o territorio nacional.

2. A incorporación ao Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense como exercente requirirá, ademais de cumprir as condicións xerais expresadas no artigo anterior, non estar incurso en causas de incompatibilidade ou que impidan o exercicio profesional.

3. Ademais, a pertenza ao Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense facultará, en concordancia coas leis que o regulan, ao exercicio profesional no ámbito da Unión Europea e en países terceiros.

4. Os profesionais titulados vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración a que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa Administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 16. Causas que impiden o exercicio profesional

Son circunstancias que impiden o exercicio da profesión de graduado social as que legalmente así se establezan e, entre elas, a título unicamente enunciativo, as seguintes:

a) A inhabilitación ou suspensión expresa para o exercicio da profesión en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

b) As sancións disciplinarias firmes que comporten a suspensión do exercicio profesional ou a expulsión de calquera colexio de graduados sociais.

c) A invalidez no grao de incapacidade permanente total para a profesión de graduado social.

d) A incapacitación civil.

Artigo 17. Solicitude de colexiación

1. A colexiación solicitarase mediante instancia dirixida ao presidente do Colexio e xuntarase a esta a documentación pertinente. O Colexio disporá de medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar por medios electrónicos a súa colexiación, nos termos previstos pola lexislación en vigor.

O secretario do Colexio examinará a instancia, así como os documentos unidos a ela, emitirá o correspondente informe e someterá a solicitude á decisión da Xunta de Goberno, que aceptará ou denegará a solicitude de incorporación, dentro do prazo de dous meses contados desde a presentación da solicitude, sen prexuízo de que, cando proceda, poida requirir, con suspensión do prazo para resolver, a emenda de defectos da solicitude ou a achega de documentos necesarios, na forma e cos efectos previstos no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución será notificada ao interesado por escrito, co visto e prace do presidente do Colexio.

A falta de resolución expresa da solicitude no prazo de dous meses determinará que a incorporación ao Colexio se entenda autorizada por silencio administrativo positivo.

2. Os solicitantes non admitidos poderán interpoñer recurso de alzada contra o acordo denegatorio, no prazo dun mes contado desde a notificación deste, ante o Consello de Colexios da Comunidade Autónoma a través da Xunta de Goberno, que emitirá informe do recurso, ou, no seu defecto, ante o Consello Xeral.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que se dite resolución, entenderase desestimado.

3. Os solicitantes non admitidos poderán retirar a súa documentación, agás a instancia, que quedará arquivada na Secretaría do Colexio con expresión das causas da denegación.

Artigo 18. Rexistro

1. Os novos colexiados quedarán inscritos no Rexistro Xeral do Colexio por orde de admisión de instancia.

2. Ademais do Rexistro Xeral, a Secretaría do Colexio terá ao seu cargo un rexistro especial de colexiados en exercicio, no cal se indiquen os que exercen a profesión:

a) Libre por conta propia ben de forma individual ou ben de forma asociada.

b) Por conta allea, mediando unha relación laboral cunha empresa ou corporación mediante relación especial.

3. A incorporación, xustificada mediante a certificación correspondente do Colexio, acredita o graduado social como tal sen que sexa necesario ningunha designación ou nomeamento da Administración pública.

4. O secretario do Colexio remitirá, ao principio de cada ano, a todos os xulgados e tribunais do seu territorio, así como aos organismos da Administración que teñan relación directa coa profesión, unha relación de todos os graduados sociais exercentes incorporados.

5. O rexistro será electrónico e incorporará non só os graduados sociais senón tamén as sociedades profesionais en cuxo obxecto se encontre o exercicio desta profesión.

Artigo 19. Dereitos e deberes dos admitidos

Os aspirantes admitidos satisfarán a cota de incorporación, que en ningún caso poderá superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

Así mesmo, deberán aboar outras achegas, distintas da cota de incorporación e da cota derivada da condición de colexiado, que sexan aprobadas polo Colexio en concepto de derramas ou cotas extraordinarias e que sexan exixibles a todos os colexiados. Esta obriga estenderase exclusivamente ás cantidades pendentes de aboamento, sen que en ningún caso se lles poida exixir aos novos colexiados o pagamento de cotas ou derramas devindicadas en datas anteriores ás da súa incorporación, aboadas polos demais colexiados.

Artigo 20. Prestación de xuramento ou promesa

1. Os graduados sociais, antes de iniciaren o seu exercicio profesional, deberán prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, e de fiel cumprimento dos deberes da profesión de graduado social.

2. O xuramento ou promesa prestarase ante a Xunta de Goberno do Colexio de Graduados Sociais, na forma que a propia Xunta dispoña, coa posibilidade de facelo por escrito de forma provisional.

3. No expediente persoal do colexiado deberá constar a prestación do xuramento ou promesa.

Artigo 21. Ámbito territorial do exercicio profesional

1. O graduado social incorporado a calquera colexio de graduados sociais poderá prestar os seus servizos profesionais libremente en todos os asuntos que lle sexan encomendados dentro do territorio do Estado español, no ámbito da Unión Europea e nos demais países, conforme a normativa vixente en cada caso.

2. Para o exercicio profesional polos graduados sociais en territorios distintos ao propio da súa colexiación, os colexios de graduados sociais non poderán exixir comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

3. Nestes casos de exercicio profesional polos graduados sociais en territorio distinto ao de colexiación e para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao colexio do territorio en que se exerza a actividade de graduado social, en beneficio dos consumidores e usuarios, os colexios de graduados sociais deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, establecidos no capítulo VI da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo colexio do territorio onde se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

4. No caso de desprazamento temporal a España dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, que pretenda o exercicio en España da profesión de graduado social, aplicarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións, en especial, o establecido no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de setembro de 2005, e a Directiva 2006/100/CE do Consello, do 20 de novembro de 2006, relativas ao recoñecemento de cualificacións profesionais. Para exercer desta forma temporal, de acordo coa mencionada normativa, abondará coa comunicación á autoridade competente.

CAPÍTULO II: DA PERDA DA CONDICIÓN DE COLEXIADO

Artigo 22. Perda

1. A condición de colexiado pérdese:

a) Por defunción ou declaración de falecemento.

b) Por baixa voluntaria, mediante comunicación dirixida ao presidente do Colexio.

c) Por reiterado incumprimento da obriga de satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias que fosen acordadas, así como as demais cargas colexiais a que estea obrigado. Enténdese por reiterado incumprimento o atraso de tres meses no pagamento de forma sucesiva ou alterna no período dun ano.

d) Por condena firme que supoña a inhabilitación para o exercicio da profesión de graduado social.

e) Por sanción firme de expulsión do Colexio, acordada en expediente disciplinario.

2. Correspóndelle á Xunta de Goberno do Colexio acordar, en resolución motivada, a perda da condición de colexiado nos supostos das letras c), d) e e) e, por outro lado, os incisos a) e b) deberán ser adecuadamente comprobados e contrastados polos correspondentes servizos do colexio afectado.

3. As baixas serán comunicadas ao Consello Xeral e ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais, de ser o caso.

4. Anualmente, o secretario do Colexio porá en coñecemento dos xulgados e tribunais, e dos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión, os colexiados que causen baixa.

5. No suposto da letra c), os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos aboando o que deben, os seus xuros legais e a cantidade que corresponda como nova incorporación.

Artigo 23. Baixa de colexiados

1. O graduado social que cause baixa no Colexio perderá todos os dereitos inherentes a tal condición, e estará obrigado a devolver o carné de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por uso indebido deste. En caso de incumprimento da referida obriga, o Colexio anulará de oficio o carné de colexiado e comunicarállelo aos xulgados e tribunais en que o graduado social exercese a súa profesión, así como aos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión.

2. Para o caso de que o graduado social que cause baixa estivese adscrito a algunha póliza de responsabilidade civil común subscrita para todos os exercentes, comunicaráselle á entidade responsable da devandita póliza a perda da condición de exercente con expresión detallada da data de efectos desta.

3. Ademais, tramitará a baixa en todos os convenios en que, como graduado social, estivese obtendo beneficios.

CAPÍTULO III: DAS INCOMPATIBILIDADES

Artigo 24. Causas de incompatibilidade

O exercicio profesional de graduado social terá as incompatibilidades establecidas por lei. Só mediante norma con rango de lei poderá impoñerse o exercicio de forma exclusiva dunha profesión ou limitar o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións.

Artigo 25. Exercicio profesional ilegal ou clandestino

O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense no ámbito territorial respectivo exercerá cantas accións, mesmo penais, procedan para evitar a intrusión profesional, polo que deberá ser demandado quen viñese exercendo funcións propias de graduado social clandestinamente ou, de forma pública e notoria, antes de solicitar a súa incorporación ao Colexio ou tras solicitar a súa baixa como exercente.

Artigo 26. Comunicación de incompatibilidades e recursos

1. O graduado social en quen concorra algunha das causas de incompatibilidade establecidas nas leis correspondentes deberá comunicarllo á Xunta de Goberno do Colexio e cesar inmediatamente na situación de incompatibilidade. De non o facer así, a Xunta de Goberno do Colexio acordará, logo de expediente con audiencia do interesado, a suspensión do graduado social no exercicio da profesión mentres subsista a incompatibilidade, e comunicarállelo aos xulgados e tribunais en que o graduado social exercese a súa profesión, así como aos organismos da Administración que teñan directa relación coa profesión.

No caso de que se teña coñecemento de que un graduado social exerce a profesión malia estar incurso nunha causa de incompatibilidade establecida nas leis, o correspondente colexio deberá incoar un expediente sancionador –que pode ir precedido dunha información acerca da entidade dos feitos– no curso do cal, e con audiencia do interesado, poderá acordar a súa suspensión no exercicio da profesión.

2. Desaparecida a incompatibilidade, o graduado social, logo de xustificación do dito aspecto, poderá instar da Xunta de Goberno do Colexio o alzamento da suspensión, que será resolto nos mesmos prazos que establecen estes estatutos para a incorporación ao Colexio.

3. O acordo polo cal se dá de baixa o graduado social por causa de incompatibilidade pode ser obxecto de recurso de alzada ante a Xunta de Goberno do Consello de Colexios da Comunidade Autónoma ou do Consello Xeral, de non existir aquel, nos termos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A infracción do deber de cesar na situación de incompatibilidade así como o seu exercicio con infracción das incompatibilidades, directamente ou por persoa interposta, constituirá falta moi grave, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

CAPÍTULO IV: DEREITOS E DEBERES DOS COLEXIADOS

Artigo 27. Honras e distincións

Os graduados sociais colexiados gozarán dos dereitos, honras, preferencias e consideracións recoñecidos polas leis á profesión.

Artigo 28. Dereitos dos colexiados

Os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Permanecer no Colexio, salvo que incorran nalgunha das causas determinantes da perda da condición de colexiado recollidas nos estatutos.

b) Ser defendidos polo Colexio ante as autoridades, entidades e particulares no exercicio da profesión ou por motivo deste nas súas xustas reivindicacións.

c) Utilizar cantos servizos estableza o Colexio, entre eles biblioteca, institucións de previsión social e benéficas, publicacións e cantos outros poidan crearse, salvo aqueles que correspondan exclusivamente a colexiados exercentes.

d) Ser representados e apoiados pola Xunta de Goberno nas súas xustas reclamacións e nas negociacións por diferenzas que poidan xurdir como consecuencia do exercicio profesional.

e) Coñecer e estar informados da marcha do Colexio.

f) Asistir a cantos actos de carácter corporativo realice o Colexio.

g) Usar o carné de colexiado e a insignia correspondente.

h) Ser elixidos para os cargos da Xunta de Goberno do Colexio, do Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou do Consello Xeral, sempre que se reúnan os requisitos establecidos.

i) Participar no labor cultural e formativo que realice o Colexio.

j) Gardar o segredo profesional, entendendo este como a obriga e o dereito de non revelar ningún feito dos que teñan coñecemento por razón do exercicio profesional.

k) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

l) Usar a denominación de asesor na materia correspondente como expresión específica do contido da profesión. Tal denominación de asesor e calquera outra deberá ir sempre precedida da expresión graduado social.

m) Realizar publicidade dos seus servizos, sempre que sexa digna, leal e veraz, con absoluto respecto á dignidade das persoas, á lexislación sobre publicidade, sobre defensa da competencia e competencia desleal, axustándose en calquera caso ás normas deontolóxicas.

n) Aceptar ou rexeitar libremente calquera asunto ou cliente, así como renunciar a este en calquera fase do procedemento, sempre que non produza indefensión ao cliente.

ñ) Todos aqueles dereitos establecidos na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Deberes

Os colexiados terán os seguintes deberes:

a) Exercer en todo momento a profesión co debido decoro e dignidade.

b) Exercer a profesión aténdose ás normas establecidas no código deontolóxico que aprobe o respectivo colexio, o correspondente consello autonómico ou o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España. Estes códigos deontolóxicos serán en todo caso conformes coas leis e accesibles por medios electrónicos, e neles precisaranse as obrigas dos graduados sociais, incluíndo as relativas a que as súas comunicacións comerciais sexan axustadas ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, se é o caso, o segredo profesional.

c) Actuar profesionalmente en toda ocasión baixo o seu nome e apelidos, sen prexuízo do previsto nos artigos 25 a 27 destes estatutos e do establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

d) Comunicar á Secretaría do Colexio, dentro do prazo de 30 días, os cambios de domicilio.

e) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas a cuxo pagamento están obrigados pola súa condición de colexiado, así como as derramas e demais cargas sociais.

f) Subscribir e manter unha póliza de responsabilidade civil nas contías mínimas exixibles, en cada momento, que a Asemblea Xeral aprobe.

g) Asistir persoalmente, salvo imposibilidade xustificada, ás xuntas xerais que teñan lugar no Colexio, e participar nas eleccións que regulamentariamente se deban levar a cabo.

h) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou ante calquera das comisións existentes cando sexan requiridos para iso.

i) Comunicar ao Colexio as suplencias nas funcións profesionais por motivo de enfermidade, ausencia ou calquera outra causa.

j) Gardar a consideración e o respecto debidos aos membros da Xunta de Goberno e das comisións do Colexio e cumprir os acordos adoptados por eles.

k) Desempeñar con celo e eficacia os cargos para os cales fosen elixidos e participar nas comisións cando sexan requiridos para iso pola Xunta de Goberno.

l) Gardar o segredo profesional, entendendo este como a obriga e o dereito de non revelar ningún feito dos cales teñan coñecemento por razón do exercicio profesional.

m) Usar toga en audiencia pública e actos solemnes xudiciais.

n) Representar os litigantes que acrediten insuficiencia de recursos nos casos previstos pola lei.

ñ) Cando un graduado social, ao encargarse da dirección de calquera asunto profesional ou logo de iniciado este, teña coñecemento de que antes entendera outro compañeiro, deberá gardar cara a este a oportuna consideración, informándoo da súa decisión e solicitando del a venia.

o) Os graduados sociais non poderán prestar o seu título nin poderán ser contratados para figurar á fronte dos servizos propios da súa competencia en despachos ou empresas dedicadas á prestación de actividades a terceiros, entre as cales se atopan as propias do graduado social, salvo que estean integrados nun despacho colectivo.

p) Non poderá, en ningún caso, reter documentación do cliente, so pretexto de non ser saldados, total ou parcialmente, os honorarios, gastos ou suplidos, sen prexuízo do dereito de exixilos legalmente do modo que considere máis oportuno. A retención indebida de documentos será considerada falta grave.

CAPÍTULO V: DOS DESPACHOS COLECTIVOS

Artigo 30. Exercicio conxunto da profesión

O graduado social poderá exercer a súa profesión conxuntamente con outros graduados sociais baixo calquera das formas que se recoñezan na lei. Tamén poderá exercer a súa profesión conxuntamente con outros profesionais titulados salvo que a lei o impida.

As sociedades a través das cales actúen deberán identificar o graduado social ou graduados sociais que presten os servizos. Os graduados sociais que exerzan a profesión en forma societaria deberán identificar nas súas relacións profesionais a sociedade a través da cal actúan.

Artigo 31. Rexistro de despachos colectivos

Os despachos colectivos de graduados sociais e, en particular, as sociedades profesionais, inscribiranse no Rexistro Especial de Despachos Colectivos do respectivo colexio, facendo constar os nomes e as circunstancias dos graduados sociais que os integren e cumprindo as obrigas de rexistro colexial que a cada un deles lle resulten aplicables conforme a lexislación vixente. As sociedades profesionais en cuxo obxecto se encontre o exercicio da profesión de graduado social serán titulares e estarán suxeitas aos mesmos dereitos e deberes que os graduados sociais.

Artigo 32. Requisitos

Todos os graduados sociais integrados nunha sociedade profesional ou despacho colectivo deberán estar incorporados individualmente ao colexio correspondente como exercentes.

Título III - Dos órganos do colexio

CAPÍTULO I: DA XUNTA DE GOBERNO

Artigo 33. Órganos do Colexio

Os órganos do Colexio son os seguintes:

a) A Xunta Xeral de colexiados.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente.

d) A Comisión Permanente, cuxa creación, duración e composición é potestativa da Xunta Xeral de colexiados, por proposta da Xunta de Goberno, nos termos do artigo 56.1 dos estatutos xerais.

Artigo 34. Competencia da Xunta de Goberno

1. O Colexio de Graduados Sociais rexerase por unha xunta de goberno, que será o órgano de execución e xestión dos acordos da Xunta Xeral, exercerá con carácter permanente a administración do Colexio e terá en todo momento a plena representación da corporación.

2. Ademais das que se establecen nestes estatutos, serán atribucións da Xunta de Goberno:

A) En xeral:

1ª. Someter a votación nas xuntas xerais asuntos concretos de interese colexial, na forma que estableza a propia Xunta de Goberno.

2ª. Resolver sobre a admisión de titulados que soliciten incorporarse ao Colexio.

3ª. Velar para que os colexiados observen boa conduta nas súas relacións cos órganos xurisdicionais, cos seus compañeiros e cos seus clientes, así como que no desempeño da súa función profesional despreguen a necesaria dilixencia e competencia.

4ª. Impedir o exercicio da profesión aos que, sendo colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias á legalidade vixente.

5ª. Impedir a intrusión e perseguir os infractores do regulado no ordinal anterior, así como as persoas naturais ou xurídicas que faciliten o devandito irregular exercicio profesional, e exercer fronte a elas cantas accións xurisdicionais sexan necesarias ou convenientes.

6ª. Propoñer á Xunta Xeral a adopción dos acordos que considere procedentes, en canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

7ª. Propoñer á Xunta Xeral a determinación das cotas que deben pagar os colexiados exercentes, os exercentes de empresa e os non exercentes, para sostemento das cargas e servizos colexiais.

8ª. Propoñer, se o considera necesario, a imposición de cotas extraordinarias aos seus colexiados, con aprobación da Xunta Xeral, e adoptar as medidas necesarias para a súa execución no caso de que aquelas sexan acordadas.

9ª. Recadar o importe das cotas establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, que incluirán a repartición das cotas do Colexio para o Consello de Colexios da Comunidade Autónoma, de ser o caso, e para o Consello Xeral.

10ª. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

11ª. Convocar xuntas ordinarias e extraordinarias, sinalando a orde do día para cada unha.

12ª. Exercer as facultades disciplinarias respecto aos colexiados, de acordo co previsto nestes estatutos.

13ª. Propoñer á Xunta Xeral a aprobación dos regulamentos de orde interior que xulgue convenientes.

14ª. Nomear as comisións ou seccións de colexiados que sexan necesarias para o estudo das materias que poidan interesar aos fins da corporación e á defensa e promoción do colectivo profesional.

15ª. Velar para que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden ao graduado social, provendo o necesario ao abeiro daquelas.

16ª. Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións coñeza e poidan afectalos, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

B) Con relación aos órganos xurisdicionais:

1ª. Fomentar e estreitar as relacións de respectuosa cordialidade entre o Colexio e os seus colexiados coa maxistratura e os funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en xeral, e cos xulgados do social e os seus funcionarios, en particular.

2ª. Promover a organización dun sistema de asistencia que permita contar cos servizos dun graduado social por parte dos que carezan de recursos económicos para sufragalos.

3ª. Velar para que no exercicio da función representativa que teñen os colexiados, de acordo coa Lei orgánica do poder xudicial, cumpran coas obrigas inherentes á súa función, de acordo co disposto no ordenamento xurídico profesional de aplicación.

4ª. Velar para que, nos mesmos casos, os graduados sociais cumpran as obrigas a que se refire a Lei orgánica do poder xudicial e, en audiencia pública, reunións dos órganos xurisdicionais en que proceda e actos solemnes xudiciais, usen toga e en estrados senten á mesma altura que as autoridades, funcionarios e profesionais mencionados no dito precepto.

5ª. Perseguir, nos mesmos casos, os comportamentos contrarios ao deber de gardar segredo dos asuntos que os colexiados coñezan por razón da súa actuación profesional e impoñer as sancións disciplinarias pertinentes.

6ª. Amparar os colexiados que, nos mesmos supostos, vexan vulnerado o seu dereito a non ser obrigados a declarar sobre os feitos ou noticias de que coñezan por razón de calquera das modalidades da súa actuación profesional.

C) Con relación aos organismos oficiais:

1ª. Defender, cando o considere procedente e xusto, os colexiados no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión destas.

2ª. Promover no seo do Goberno, das autoridades e de cantos organismos oficiais con que teña relación a actividade de graduado social, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración de xustiza.

3ª. Emitir informe de palabra ou por escrito, en nome do Colexio, en cantos proxectos ou iniciativas o requiran.

D) Con relación aos recursos económicos do Colexio:

1ª. Recadar, distribuír e administrar os fondos do Colexio.

2ª. Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

3ª. Propoñerlle á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, se se trata de inmobles.

3. Correspóndelle igualmente á Xunta de Goberno velar por que os acordos, decisións e recomendacións con transcendencia económica se adapten ás exixencias da lexislación de defensa da competencia.

Artigo 35. Composición da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno comporase dun presidente, cargo que deberá recaer necesariamente nun colexiado en exercicio e que deberá continuar séndoo durante todo o seu mandato, que a presidirá; dous vicepresidentes, un secretario, un tesoureiro, un interventor-contador, un vicesecretario, catro vogais exercentes e dous vogais non exercentes.

Artigo 36. Elección de cargos á Xunta de Goberno

1. A Xunta Xeral elixirá o cargo de presidente por proclamación e mediante votación nominal específica. Os cargos da Xunta de Goberno de vicepresidente, tesoureiro, e interventor-contador serán designados pola propia xunta entre os vogais exercentes elixidos pola Xunta Xeral e a proposta do presidente.

2. Os cargos da Xunta de Goberno de secretario e vicesecretario serán designados pola propia xunta entre os vogais elixidos pola Xunta Xeral e a proposta do presidente.

3. Os cargos da Xunta de Goberno terán unha duración de catro anos, renovaranse a medias cada dous e poderán ser reelixidos sen limitación.

(Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. DOG Núm.: 230 - venres, 13 de novembro de 2020)

Artigo 37. Exercicio dos cargos

1. O exercicio dos cargos de presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro, interventor-contador, vicesecretario e vogais da Xunta de Goberno terán o carácter de honoríficos e gratuítos.

2. Poderán ser candidatos todos os colexiados pertencentes ao ámbito territorial do Colexio que estean de alta e ao día no pagamento das súas cotas colexiais, cun mínimo de dous anos de colexiación ininterrompida, no período inmediatamente anterior á convocatoria electoral, na modalidade para a cal optan, e que, tendo a condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria.

3. Non poderán formar parte da Xunta de Goberno os que non estean no pleno desfrute dos seus dereitos civís e corporativos.

Artigo 38. Provisión de cargos vacantes

1. Se por calquera motivo queda vacante algún ou algúns dos cargos da Xunta de Goberno antes da expiración do mandato regulamentario, o cargo vacante será provisto mediante acordo da propia Xunta de Goberno entre colexiados que reúnan as condicións de elixibilidade para o cargo de que se trate; os así designados deberán someterse a ratificación na primeira xunta xeral ordinaria que teña lugar ou ben extraordinaria que se poida convocar para o efecto e, en tal caso, exercerán o cargo polo período de mandato que reste ao substituído.

2. Exceptúase o presidente, que se substitúe regulamentariamente polo vicepresidente que corresponda ata a primeira xunta xeral ordinaria que teña lugar ou a extraordinaria que se poida convocar para a súa elección.

3. Tamén se procederá á elección parcial de vogais cando non sexa posible cubrir as vacantes polo sistema previsto no número 1.

4. Cando non sexa posible cubrir máis da metade das vacantes, o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no seu defecto, o Consello Xeral, designará unha xunta provisional entre o primeiro terzo dos colexiados máis antigos, a cal convocará eleccións no prazo de trinta días.

CAPÍTULO II: DA ELECCIÓN DA XUNTA DE GOBERNO

Artigo 39. Electores e elixibles

1. Todos os membros da Xunta de Goberno serán elixidos por votación axustada ao principio de libre e igual participación dos colexiados. O voto de cada colexiado exercente, sexa libre por conta propia ou por conta allea, terá dobre valor, mentres que o dos non exercentes e eméritos terá valor simple.

2. Figurarán como electores todos os inscritos no censo que se atopen no exercicio dos seus dereitos e ao día nos seus deberes colexiais. O censo formarao a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional; constarán nel todos os colexiados incorporados ao Colexio cun mes de antelación á data de convocatoria das eleccións e incluirá todos os datos que fagan posible a elección. A propia Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional, resolverá as reclamacións que poidan suscitarse, dentro dos tres días seguintes ao día da súa presentación, que, en todo caso, se deberá producir non máis tarde do quinto día anterior á elección.

3. Poderán ser candidatos os colexiados que, desfrutando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria e sexan proclamados de acordo coas normas e condicións estatutarias.

4. Tamén poderán ser candidatos os colexiados que, procedentes doutro colexio e desfrutando da condición de electores, non estean incursos en prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria no colexio de procedencia, o cal procederá a certificar a alta colexial e a trasladar o expediente. Estes colexiados conservarán a antigüidade e modalidade colexial do colexio de procedencia.

Artigo 40. Votacións

1. A votación para a elección dos membros da Xunta de Goberno exercerase persoalmente en forma secreta ao se realizar a xunta xeral ordinaria de cada exercicio ou na extraordinaria que, para estes efectos, se deberá convocar nos casos de vacante do presidente ou da maioría dos vogais. A Xunta de Goberno poderá tamén convocar xunta extraordinaria co único obxecto de realizar separadamente a elección.

2. As votacións para esta elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeleta e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

3. As papeletas serán azuis (voto dobre), para colexiados exercentes e de empresa, e brancas (voto simple), para os colexiados non exercentes e eméritos.

4. O voto poderá emitirse por correo certificado. Para iso, o elector solicitará da correspondente xunta de goberno, a partir da data da convocatoria e ata o décimo día anterior ao da votación, un certificado de inscrición no censo. Remitirá a Secretaría a devandita certificación ao domicilio que figure na base de datos do Colexio ou retiraraa persoalmente o interesado.

5. Para que o voto sexa válido deberá enviarse por correo certificado dirixido á Secretaría do Colexio nun sobre cuxas características será determinadas pola Xunta de Goberno para cada votación, que conterá a certificación de inscrición no censo e o sobre de votación pechado coa papeleta dentro.

6. No non regulado expresamente nestes estatutos para a elección dos membros da Xunta de Goberno observaranse o previsto na Lei orgánica de réxime electoral xeral vixente e as demais normas complementarias en canto sexan de aplicación.

Artigo 41. Convocatoria de eleccións e proclamación de candidatos

1. A convocatoria das eleccións faraa o vicepresidente no caso de elección unicamente do presidente e, nos demais casos, a Xunta de Goberno ou, de ser o caso, a Xunta Provisional, cunha antelación polo menos de trinta días naturais.

2. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio no seu horario de oficina, con quince días naturais de antelación, como mínimo, ao da realización das eleccións. Poderán ser conxuntas ou individuais e deberán subscribilas só os candidatos. Conterán o compromiso previo de prestar xuramento ou promesa segundo o establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nestes estatutos.

3. A proclamación de candidatos faraa a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Xunta Provisional, dentro dos dous días hábiles seguintes ao da finalización do prazo para presentar as candidaturas. As impugnacións que se produzan, que se deberán interpoñer no prazo de dous días hábiles desde a notificación do acordo, serán resoltas pola mesma xunta de goberno antes de que teña lugar a votación.

Artigo 42. Mesa electoral e campaña electoral

1. A mesa electoral estará integrada por tres membros designados pola propia Xunta de Goberno, excluídos os que sexan candidatos e os asociados ou parentes ata o terceiro grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade dos candidatos.

Serán presidente e secretario da mesa os que o sexan da Xunta de Goberno ou os que designe a Xunta de Goberno para substituílos. A mesa electoral tomará os seus acordos por maioría de votos dos seus compoñentes.

2. Cando o número de candidatos proclamados resulte igual ou inferior ao dos vogais da xunta que se vai elixir, a proclamación equivalerá á elección, e esta, polo tanto, non se deberá efectuar. Produciranse as mesmas consecuencias cando se trate da elección só de presidente e se proclame un único candidato.

3. Os candidatos proclamados poderán efectuar, á súa custa, as actividades de campaña electoral axustadas ao ordenamento xurídico. Non se poderán utilizar para tal efecto locais nin outros medios materiais ou persoais do Colexio, agás o dereito a que se lles facilite unha copia do censo electoral, así como os sobres e papeletas para a elección e, se é o caso, xogos de etiquetas cos enderezos de todos os colexiados.

4. Cada candidatura conxunta ou cada candidato individual poderá designar outro colexiado que actúe como interventor na mesa electoral, e isto deberá comunicalo por escrito á Xunta de Goberno, polo menos con dous días de antelación ao da votación. A Xunta de Goberno facilitaralle ao designado un documento acreditativo.

Artigo 43. Exercicio do voto e escrutinio

1. A votación efectuarase coincidindo co inicio da xunta xeral e terá unha duración mínima de dúas horas.

2. A votación terá lugar, en cada mesa electoral, en dúas urnas separadas, unha para colexiados exercentes libres por conta propia e por conta allea, e outra para non exercentes e eméritos. Os electores identificaranse ante quen presida a mesa e introducirán o sobre oficial na urna correspondente, o que se anotará na lista do censo. Votarán en último lugar os interventores, se os houber, e os membros da mesa. Por último, introduciranse nas urnas os votos recibidos por correo que cumpran os requisitos estatutarios.

3. Para os efectos de votación sinalaranse cun X os candidatos que se desexe votar e fixarase como tope de votación por colexiado o número de vacantes motivo das eleccións.

4. Serán válidas unicamente as papeletas e os sobres oficiais entregados polo Colexio aos candidatos e electores, que terán unhas e outros á súa disposición, na sede colexial, antes e durante a votación.

5. O escrutinio, realizado pola mesa electoral, será público, e autorizará o secretario a correspondente acta, que subscribirán os interventores e os demais membros da mesa. Incluiranse as reclamacións que procedan, que serán imprescindibles para ulteriores recursos. Só se conservarán aquelas papeletas que fosen obxecto de impugnación.

6. No caso de se producir empate en número de votos, será elixido o candidato de maior antigüidade no Colexio e, de ser igual, o de maior idade.

7. A Xunta de Goberno poderá adoptar as medidas necesarias para o voto electrónico por correo electrónico ou vía telemática, en calquera caso con certificado emitido por entidade certificadora que dea fe do contido e do remitente, e a un enderezo electrónico especial habilitado para tal fin, que será aberto e verificado o seu contido cando remate o escrutinio das papeletas, ao igual que os sobres recibidos por correo ordinario.

8. Contra os acordos da Xunta de Goberno e mesas electorais relativas ás eleccións poderán interpoñerse, salvo o expresamente previsto neste capítulo, os recursos, que non terán efectos suspensivos, establecidos con carácter xeral nestes estatutos.

Artigo 44. Constitución da Xunta de Goberno electa

1. No prazo de cinco días desde a constitución da Xunta de Goberno, comunicarase esta ao Consello Xeral e, se é o caso, ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais, e a través destes ao ministerio e á consellería autonómica correspondente, e informarase da súa composición e do cumprimento dos requisitos legais. Procederase de igual forma cando se produzan modificacións.

2. Os elixidos como presidente e demais membros da Xunta de Goberno, antes de tomaren posesión dos seus cargos, deberán proceder a prestar o xuramento ou promesa conforme o establecido no Real decreto 707/1979, do 5 de abril, así como obediencia ao ordenamento xurídico profesional contido nestes estatutos.

3. O presidente tomará posesión ante a Xunta Xeral no acto de ser elixido e os demais membros na primeira xunta de goberno.

CAPÍTULO III: DOS CARGOS E DO FUNCIONAMENTO DA XUNTA DE GOBERNO

Artigo 45. O presidente

1. O presidente exercerá a representación oficial e legal do Colexio, tanto en xuízo como fóra del e nas relacións cos poderes públicos e autoridades, outros colexios profesionais e colectivos de interese para a profesión de graduado social; será o executor dos acordos do Colexio; convocará e presidirá as sesións das xuntas xerais e das xuntas de goberno, así como das comisións de traballo a que asista; coordinará o labor dos distintos órganos colexiais, presidirá todos eles cando asista e resolverá os empates co seu voto de calidade se aqueles subsisten durante dúas votacións sucesivas.

2. O presidente do Colexio asumirá igualmente por delegación todas as funcións do Colexio nos casos de urxencia que así o requiran e poderá adoptar as resolucións e medidas pertinentes baixo a súa responsabilidade e coa reserva de sometelos ao coñecemento e validación da Xunta de Goberno.

3. O presidente do Colexio será o ordenador dos cobramentos e dos pagamentos, asinará a documentación colexial e autorizará co seu visto e prace as certificacións expedidas polo secretario e as actas da xunta xeral e da de goberno. A ordenación de cobramentos e pagamentos poderá delegala con carácter xeral no tesoureiro, caso en que o presidente as autorizará co seu visto e prace.

4. Incumbe ao presidente do Colexio, en particular, fomentar e manter entre todos os colexiados/as relacións de compañeirismo e a tutela dos dereitos da profesión, do Colexio e dos seus integrantes, ademais de cantas atribucións determinen os estatutos do Colexio.

5. Propor os graduados sociais que deban formar parte dos tribunais de oposición, nos casos en que sexa preceptivo, de entre os que reúnan as condicións para iso.

6. O período máximo de duración do cargo do presidente será de dous mandatos consecutivos e poderá desempeñar outros cargos nas xuntas de goberno, pero non poderá presentarse a un novo mandato para ocupar a Presidencia do Colexio sen que transcorrese, polo menos, un mandato desde que esgotase o seu último mandato como presidente electo.

Artigo 46. O vicepresidente ou vicepresidentes

1. O vicepresidente e, de ser o caso, os vicepresidentes pola súa orde, substituirán o presidente no caso de vacante, ausencia ou enfermidade e en todas aquelas comisións que lles encomende o presidente, con carácter permanente ou ocasional, e é necesario informar este do desenvolvemento das súas tarefas.

2. Nos casos xustificados, o vicepresidente ou vicepresidentes tamén poderá/n representar o Colexio para todos os efectos legais e, en caso de imposibilidade do presidente, asistirá/n no seu lugar ás xuntas do Consello Xeral con todos os seus dereitos e obrigas.

Artigo 47. O secretario

1. Correspóndelle ao secretario redactar as actas, correspondencia e comunicacións oficiais, dirixir os traballos administrativos do Colexio e levar o arquivo e a custodia da súa documentación.

2. O secretario terá tamén ao seu cargo a expedición de certificacións, co visto e prace do presidente, legalización, para os únicos fins corporativos, de sinatura de colexiados e redacción da memoria anual do Colexio.

3. Levará o rexistro dos colexiados, formará os expedientes persoais de todos os colexiados e publicará anualmente a lista dos colexiados.

4. O control directo e inmediato de todos os servizos colexiais e das persoas afectas ao seu equipo corresponderalle ao secretario.

5. Por acordo da Xunta Xeral o Colexio poderá contratar un xerente, profesional na materia, que deberá ser graduado social colexiado. En todo caso, o nomeamento e a remoción corresponderalle á Xunta de Goberno, e terá o xerente as funcións de xestión administrativa propias de toda xerencia, sen menoscabo das funcións estatutarias dos cargos electivos, salvo expresa delegación para concretos casos que acorden o presidente, o secretario ou calquera membro da Xunta de Goberno das súas facultades executivas estatutariamente recoñecidas a cada un.

Artigo 48. O tesoureiro

1. O tesoureiro materializará a recadación e custodia dos fondos do Colexio; dará a estes o investimento que corresponda segundo os acordos da Xunta de Goberno; levará inventario dos bens do Colexio, dos cales será administrador, e ingresará e retirará fondos das contas bancarias, conxuntamente co presidente.

2. Intervirá e supervisará todos os documentos contables, así como a redacción para a súa aprobación pola Xunta Xeral de todos os balances, contas e orzamentos, e o seu control.

3. Así mesmo, cando non haxa interventor/contador, o tesoureiro asumirá as funcións deste sinaladas no artigo seguinte.

Artigo 49. O interventor-contador

1. Correspóndelle ao interventor-contador a intervención de todos os documentos contables, así como a redacción para a súa aprobación pola Xunta Xeral de todos os balances, contas e orzamentos, e o seu control.

2. O tesoureiro e o interventor-contador substitúense reciprocamente no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 50. Substitucións

Os cargos de vicepresidente segundo ou sucesivos ou de vicesecretario substituirán, respectivamente, o vicepresidente ou vicepresidentes, pola súa orde, e o secretario.

Na súa falta, a substitución efectuarase conforme se acorde, con carácter xeral ou para cada caso concreto, pola Xunta de Goberno, e, en casos de urxencia, polo presidente ou quen faga as súas veces.

Artigo 51. Funcionamento da Xunta de Goberno

(Orde do 5 de xullo de 2018 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. DOG núm.: 138, do 19 de xullo de 2018).

1. A Xunta de Goberno reunirase de forma presencial ou a distancia, polo menos unha vez ao mes, salvo no mes de agosto, que se considerará como período vacacional e, en todo caso, sempre que a convoque o Presidente ou o solicite a cuarta parte dos seus compoñentes.

2. Nas sesións que se celebren a distancia, os seus membros poderán atoparse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos (considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais), a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e  intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as  audioconferencias e as videoconferencias.

3. A convocatoria acordaraa o presidente e incluirá a orde do día, sen prexuízo de tratar aqueles asuntos que este declare urxentes, aínda que neste caso non poderán adoptarse acordos sobre os mesmos. Dita convocatoria deberá ser remitida mediante escrito con, polo menos, dous días de antelación, salvo en supostos de urxencia, expresando, ademais da orde do día, o lugar, o día e a hora da reunión. Poderanse utilizar para iso as novas tecnoloxías da comunicación que permitan ter constancia da súa recepción e lectura. 

4. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorren de forma presencial ou a distancia a maioría dos seus compoñentes, e en segunda convocatoria se asisten de forma presencial ou a distancia o presidente, o secretario ou membros en que deleguen e tres vocais.

5. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. Será causa de cesamento e a consecuente substitución regulamentaria, acordados pola propia Xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

6. Os acordos adoptaranse por maioría de votos de asistentes presenciais e a distancia, correspondendo ao Presidente o voto de calidade.

7. Os membros da Xunta poderán remitir, con dez días de antelación á data prevista para a celebración, propostas de asuntos a tratar na Xunta, que se incluirán na orde do día previa aprobación do Presidente.

Artigo 52. Comisión Permanente, comisións e ponencias

Dentro da Xunta de Goberno existirá unha comisión permanente integrada polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro. Serán competencias dela todas aquelas que de forma expresa lle encomende a Xunta de Goberno dentro das competencias atribuídas a ela nestes estatutos. O Pleno da Xunta de Goberno deberá tomar coñecemento das decisións da devandita comisión permanente. En canto ao seu funcionamento e adopción de acordos, seralle de aplicación o disposto nos presentes estatutos para a Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno nomeará, de entre os seus membros, os compoñentes das comisións seguintes:

1. Comisión de Cultura, que terá por misión:

a) A organización de cursos, seminarios, conferencias e coloquios que crean convenientes para a formación e o perfeccionamento dos colexiados.

b) A organización, actualización e posta ao día da biblioteca do Colexio, que comprenderá, principalmente, obras e revistas de carácter profesional.

c) O servizo de información científica e técnica para os colexiados.

d) A edición da revista ou boletín que publique o Colexio para a información dos seus membros e dos organismos e entidades relacionados co seu labor.

e) A organización e o desenvolvemento, con carácter permanente, de seminarios ou equipos de traballo dedicados a afondar nas materias sociais e laborais.

2. Comisión de Relacións Públicas: terá o labor de propoñer e informar a Xunta de Goberno sobre asuntos de interese para a corporación, asistencia a actos en que debe estar representado o Colexio; a planificación e o desenvolvemento de actos públicos, contactos cos medios de comunicación social e organización de campañas de prensa, así como participación do Colexio en congresos e asembleas sobre problemas sociais e laborais.

3. Comisión de Ética e Honorarios Profesionais: deberá informar a Xunta sobre actividades dos colexiados que non se axusten á ética e á honra profesional.

4. Comisión de Intrusión: velará por que persoas ou entidades alleas á profesión de graduado social non invadan a súa esfera de acción contravindo os preceptos vixentes sobre a materia, efectuando propostas á Xunta de Goberno dos correspondentes expedientes administrativos ou accións ante a xurisdición que proceda, unha vez practicada sucinta información das denuncias e documentos que se lle participen.

5. Ademais das comisións que establecen os estatutos, a Xunta de Goberno poderá crear todas aquelas que considere oportunas, xa sexa con carácter permanente ou transitorio, determinando as súas respectivas misións e os labores, e o réxime do seu funcionamento.

6. Todas as comisións e ponencias serán presididas polo presidente do Colexio, se asistir, ou polo membro da Xunta de Goberno que designe. Os acordos terán o carácter de propostas, que deberán ser elevadas á Xunta de Goberno para a súa aprobación ou desestimación.

CAPÍTULO IV: DA XUNTA XERAL

Artigo 53. Definición

A Xunta Xeral do Colexio, que pode ser ordinaria ou extraordinaria, é o órgano supremo de decisión colexial. Intégrana a totalidade dos graduados sociais adscritos ao Colexio que estean no pleno desfrute dos seus dereitos.

Artigo 54. Orde do día

1. A xunta xeral ordinaria terá lugar dentro do primeiro trimestre de cada ano para tratar os asuntos seguintes:

1º. Lectura e aprobación, se é o caso, da acta da xunta anterior.

2º. Exame e aprobación, se é o caso, da memoria anual.

3º. Exame e votación do balance e contas anuais de ingresos e gastos e do orzamento para o exercicio.

4º. Exposición polo presidente da actuación e desenvolvemento do Colexio durante o ano anterior, e do estado en que están as xestións realizadas en defensa dos intereses dos colexiados.

5º. Proposicións da Xunta de Goberno.

6º. Proposicións e rolda de intervencións dos colexiados.

7º. Elección de cargos vacantes, cando proceda e salvo que a Xunta de Goberno acorde convocar para iso xunta extraordinaria co único obxecto de realizala separadamente.

8º. Calquera outro asunto que non deba ser sometido á consideración da Xunta Xeral extraordinaria, incluída, se é o caso, a toma de xuramento aos colexiados.

2. O Consello Xeral ou, se é o caso, o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais poderá autorizar que a realización da xunta xeral ordinaria teña lugar durante o segundo semestre do ano, se concorre causa suficiente para iso e por petición da xunta de goberno respectiva.

Artigo 55. Admisión de proposicións

1. As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno para que esta as examine e forme criterio sobre elas, cunha antelación mínima de cinco días hábiles respecto da data en que debe ter lugar a reunión, e deberán levar como mínimo a sinatura de dez colexiados, dos cales sete como mínimo serán exercentes. A Xunta Xeral acordará, despois da súa lectura, se procede ou non discutir as proposicións así formuladas.

2. Dos requisitos anteriores exceptúanse as proposicións incidentais e de orde que presenten durante a realización da xunta un ou varios asistentes, sobre a procedencia da cal resolverá o que presida, e que nunca se poderán referir a asuntos que deban ser sometidos á consideración da Xunta Xeral e que non estean expresamente incluídos na orde do día.

Artigo 56. Requisito da convocatoria

1. As convocatorias ás xuntas xerais ordinarias ou extraordinarias faranse por escrito, en papeleta de citación nominativa, e enviaranse a cada un dos colexiados. Poderanse utilizar para iso as novas tecnoloxías da comunicación que permitan ter constancia da súa recepción e lectura.

2. A convocatoria deberá cursarse, polo menos, con oito días hábiles de antelación ao da súa celebración. En caso de urxencia, ao xuízo da Xunta de Goberno ou do presidente, poderá reducirse este prazo a cinco días hábiles.

Artigo 57. Convocatoria de xuntas extraordinarias

1. As xuntas xerais extraordinarias convocaranse por iniciativa da Xunta de Goberno ou ben por solicitude por escrito dunha terceira parte dos colexiados, na cal expresarán as causas que xustifiquen a petición, dirixida á Xunta de Goberno, e puntualizando os asuntos concretos que se deban estudar, con excepción de calquera outro.

2. A Xunta de Goberno só poderá denegar a convocatoria cando a petición que cumpra os requisitos expresados sexa contraria á lei ou allea aos fins colexiais. Noutro caso, iniciará os debates o primeiro asinante da petición.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá ter lugar no prazo de trinta días naturais, computados desde o acordo da Xunta de Goberno ou desde a presentación da solicitude.

Artigo 58. Réxime xeral dos debates

1. As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias terán lugar sempre no día e hora sinalados, ben sexa en primeira convocatoria, de asistir como mínimo a metade máis un dos colexiados, ou en segunda, trinta minutos despois, calquera que sexa o número de asistentes.

2. O presidente dirixirá os debates, poderá conceder ou suspender o uso da palabra e chamará á orde aos colexiados que se excedan na extensión ou alcance das súas discusións, non se cingan á materia discutida ou falten ao respecto á súa autoridade, a algún compañeiro, á Xunta ou á Asemblea, e poderá expulsar do local a quen, chamado á orde dúas veces, o desobedeza.

3. Como regra xeral, nos temas que sexan obxecto de debate só se permitirán, como máximo, dúas quendas a favor e dúas en contra, salvo nos asuntos de excepcional interese a criterio do presidente.

4. As xuntas xerais non se darán por rematadas mentres non se discutan e recaia acordo sobre todos os puntos da orde do día. Non obstante, salvo os casos de elección para cargos da Xunta de Goberno, poderá suspendelas quen as presida cando as sesións se prolonguen máis de catro horas, e continuarán o mesmo día ou o seguinte hábil.

5. O presidente poderá delegar nun membro da Xunta de Goberno a dirección de debates puntuais, e no secretario, tanto o debate xeral como a orde e o control das intervencións.

Artigo 59. Votacións

1. As votacións realizadas nas xuntas xerais serán de tres clases: ordinaria, nominal e por papeleta. Entenderase que existe unanimidade nunha votación cando, ao preguntar o presidente se se aproba o asunto sometido a debate, ningún colexiado manifeste o contrario. En todo caso, o presidente poderá propoñer que se realice a votación.

2. A votación ordinaria verificarase levantándose primeiro os que aproben a cuestión que se debate e despois os que a desaproben, e efectuarase sempre que a pida un colexiado.

3. A votación nominal realizarase dicindo cada colexiado asistente os seus dous apelidos, seguidos da palabra si ou non, e terá lugar cando o soliciten cinco colexiados como mínimo.

4. A votación por papeleta deberá realizarse cando afecte cuestións persoais dun ou máis colexiados, cando a pida a terceira parte dos asistentes á xunta ou a propoña o presidente. As votacións para o nomeamento de cargos vacantes da Xunta de Goberno serán sempre por papeletas e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

5. En toda votación, o sufraxio de cada colexiado en exercicio libre por conta propia ou por conta allea terá o valor de dobre, mentres que o do non exercente será considerado simple.

Artigo 60. Escrutinio

Sen prexuízo do establecido nestes estatutos para a elección de cargos vacantes da Xunta de Goberno, o secretario da corporación será o encargado de escrutar os votos emitidos nas xuntas xerais nos demais casos. Para tal efecto, será auxiliado por dous asistentes á reunión designados pola propia Xunta Xeral.

Artigo 61. Moción de censura

1. Os colexiados poden exercer o dereito de censurar o presidente ou algún dos membros da Xunta de Goberno ou esta en pleno.

2. A petición de moción de censura deberá vir subscrita por unha terceira parte dos compoñentes do Colexio e só se poderá adoptar en xunta xeral extraordinaria convocada expresamente con este único obxecto.

3. Para que teña lugar a xunta xeral, será necesario que asistan a ela a maioría absoluta dos colexiados. A mesma maioría absoluta deberá votar favorablemente a censura para que esta prospere.

4. Cando prospere a moción de censura, procederase a prover os cargos vacantes de acordo co previsto para tal suposto nestes estatutos, dando coñecemento de todo isto ao Consello Xeral e ao Autonómico, se é o caso.

Título IV - Do réxime económico do colexio

Artigo 62. Recursos económicos

Os recursos económicos do Colexio serán os seguintes:

1. Os recursos ordinarios, constituídos por:

a) As cotas de ingreso e de incorporación ao Colexio, cuxas contías fixará a Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados para o mantemento do Colexio.

c) As derramas que acorde a Asemblea Xeral para o levantamento de cargas colexiais ou para calquera investimento extraordinario.

d) Os ingresos que obteña por publicacións que realice e por matrículas de cursos que poida organizar e polos dereitos por prestación de servizos aos seus colexiados, expedición de certificacións, impresos e outros conceptos análogos.

e) Os froitos, rendas e xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

2. Os recursos extraordinarios, constituídos por:

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados ou calquera outra axuda económica que concedan ao Colexio as administracións públicas, corporacións ou entidades oficiais, empresas ou particulares.

b) Os bens, mobles ou inmobles, que por herdanza, doazón ou calquera outro título, lucrativo ou oneroso, entren a formar parte do patrimonio do Colexio.

c) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poida percibir o Colexio.

Artigo 63. Xestión financeira

1. Os fondos e patrimonio do Colexio investiranse exclusivamente nas atencións inherentes á súa existencia e competencias corporativas.

2. As xuntas de goberno en pleno, salvo aqueles vogais que salven expresamente o seu voto, serán responsables dos investimentos e do uso dos fondos e do patrimonio, así como dos prexuízos que a estes poidan sobrevir por incumprimento das disposicións legais, regulamentarias e estatutarias, e dos acordos da Xunta Xeral e do Consello Xeral.

3. A renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos executivos do Colexio determinará a necesidade de que se leve a cabo unha auditoría interna por parte dunha comisión que estará integrada por tres graduados sociais colexiados que serán elixidos por sorteo entre aqueles con máis de cinco anos de antigüidade e dos cales, como mínimo, dous deberán ser exercentes.

4. En caso de disolución do Colexio logo de cumprir con todas as obrigas pendentes, o sobrante, se o houber, quedará á disposición do Consello Xeral ou do Consello de Graduados Sociais de Galicia.

Artigo 64. Exercicio económico

O exercicio económico do Colexio coincidirá co ano natural. O funcionamento económico do Colexio axustarase ao réxime de orzamento anual e será obxecto dunha ordenada contabilidade, de acordo cos principios contables.

Artigo 65. Exame de contas

1. Todo colexiado poderá examinar persoalmente as contas do Colexio durante os quince días hábiles anteriores ao da data de celebración da Xunta Xeral que teña que aprobalas.

2. Os colexiados en número superior ao cinco por cento do censo poderán formular petición concreta e precisa sobre calquera dato relativo ao exercicio económico.

Artigo 66. Patrimonio colexial

1. O patrimonio do Colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá a través do tesoureiro e coa colaboración técnica que se precise.

2. O presidente exercerá a función de ordenador de pagamentos, que o tesoureiro executará, e coidará da súa contabilización.

Título V - Do rexime de responsabilidade dos colexiados

CAPÍTULO I: DA RESPONSABILIDADE PENAL

Artigo 67. Delitos e faltas

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade penal polos delitos e faltas que cometan no exercicio da súa profesión nos termos previstos na lexislación penal.

CAPÍTULO II: DA RESPONSABILIDADE CIVIL

Artigo 68. Responsabilidade civil

Os graduados sociais están suxeitos a responsabilidade civil cando, por dolo ou neglixencia, danen os intereses que teñan confiados no exercicio da súa profesión. Esta responsabilidade será exixible conforme a lexislación civil ante os tribunais de xustiza.

CAPÍTULO III

DA RESPONSABILIDADE ANTE OS ÓRGANOS XURISDICIONAIS

Artigo 69. Correccións disciplinarias

Na súa actuación ante os órganos xurisdicionais, os graduados sociais están suxeitos ás correccións disciplinarias establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e nas leis procesuais.

CAPÍTULO IV

DA RESPONSABILIDADE DISCIPLINARIA

Sección 1ª. Faltas e sancións

Artigo 70. Gradación das faltas

As faltas cometidas polos graduados sociais poden ser moi graves, graves e leves.

Artigo 71. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) A vulneración consciente e deliberada dos deberes e obrigas da profesión e, en particular, a que afecte de forma grave a dignidade da profesión polo incumprimento das regras que a gobernan de acordo co código deontolóxico.

b) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión.

c) A infracción do réxime de incompatibilidades establecido legalmente.

d) O atentado contra a dignidade ou honra dos membros do Consello Xeral, dos consellos de comunidades autónomas e da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións e contra os compañeiros no exercicio profesional.

e) A alteración maliciosa dos datos consignados en documentos que expidan ou outorguen.

f) Ter sido condenado pola realización de actos de competencia desleal.

g) A participación activa en actuacións constitutivas de intrusión profesional, sempre que exista condena xudicial firme.

h) A vulneración dos intereses dos consumidores e usuarios dos seus servizos profesionais.

i) A intervención en asuntos en que exista causa de incompatibilidade, mesmo sobrevida, sen cesar na súa intervención, así como o exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional.

j) O quebrantamento no cumprimento dunha sanción colexial firme.

k) A vulneración do segredo profesional.

l) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

m) A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

Artigo 72. Faltas graves

Son faltas graves:

a) A demora, neglixencia ou descoidos reiterados no cumprimento dos deberes e obrigas profesionais e corporativos que causen notorio prexuízo ou quebrantamento.

b) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia.

c) O reiterado incumprimento da obriga de atender as cargas colexiais, salvo que constitúa falta de maior gravidade.

d) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos membros do Consello Xeral, do Consello de Graduados Sociais de Galicia e á Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

e) A falta do respecto debido a autoridades, clientes ou compañeiros no exercicio da profesión.

f) A falta inxustificada a unha citación do presidente do Consello Xeral, Autonómico ou do Colexio cando cause grave prexuízo á corporación.

g) A contravención do deber de solicitar a venia nos termos establecidos nestes estatutos.

h) Os actos e omisións descritos nas letras a), b), c), d) e f) do artigo anterior cando non teñan entidade suficiente para consideralos como moi graves.

Artigo 73. Faltas leves

Son faltas leves:

a) A demora ou neglixencia no desempeño das funcións profesionais que teñan encomendadas, sempre que non ocasione prexuízo ou quebrantamento notorio.

b) A falta de respecto aos membros de Consello Xeral, do Consello Autonómico e da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións.

c) Os actos enumerados no artigo anterior cando non teñan entidade suficiente para ser considerados como graves.

Artigo 74. Sancións

As sancións que poden impoñerse son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo superior a seis meses sen exceder os dous anos.

c) Expulsión do Colexio.

2. Por faltas graves:

a) Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a seis meses.

b) Suspensión dos dereitos colexiais por un prazo non superior a seis meses.

3. Por faltas leves:

a) Reprensión persoal.

b) Apercibimento por escrito.

Sección 2ª. Procedemento

Artigo 75. Competencia

1. O procedemento para a imposición de sancións por faltas disciplinarias axustarase ao previsto na lexislación administrativa xeral relativa ao exercicio da potestade sancionadora.

2. Compétenlle á Xunta de Goberno a incoación do expediente disciplinario e o nomeamento de instrutor na persoa da Xunta en quen se delegue e, se é o caso, do secretario.

3. A imposición de sancións é da exclusiva competencia da Xunta de Goberno, que adoptará os seus acordos por maioría de votos emitidos secretamente entre os membros presentes en sesión convocada para o efecto, excluído o membro da Xunta de Goberno que realice a función de instrutor do expediente.

4. A sanción que se impoñerá por falta moi grave debe ser adoptada pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros que a compoñan. O membro da Xunta que, inxustificadamente, non concorra deixará de pertencer ao órgano reitor do Colexio.

Artigo 76. Competencias en relación cos membros das xuntas de goberno

1. As facultades disciplinarias en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio corresponde ao Consello Autonómico ou Consello Xeral, no seu defecto.

2. Contra o acordo do consello correspondente, nos casos previstos nos parágrafos precedentes, caberá recurso potestativo de reposición ante o mesmo consello que adoptou o acordo e, en todo caso, recurso contencioso-administrativo.

Artigo 77. Proporcionalidade

Na imposición das sancións deberase gardar a debida proporción entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerándose especialmente os seguintes criterios para a gradación da sanción que se vai aplicar:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, por comisión no prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así sexa declarado por resolución firme.

Artigo 78. Execución

1. As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes en vía administrativa.

2. As sancións que impliquen suspensión do exercicio da profesión ou expulsión do Colexio terán efectos no ámbito de todos os colexios de graduados sociais de España. Para ese fin deberán ser comunicadas ao Consello Xeral para que este as traslade aos demais colexios, que se absterán de incorporar ou habilitar o sancionado mentres estea vixente a sanción.

Artigo 79. Extinción da responsabilidade disciplinaria

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, a morte do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

2. A baixa no Colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, senón que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causa novamente alta no Colexio.

Sección 3ª. Prescrición

Artigo 80. Prazos de prescrición das faltas

1. As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento sancionador, e continuará de novo o prazo de prescrición se o expediente sancionador está paralizado durante máis de dous meses por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 81. Prazos de prescrición das sancións

1. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do colexiado, do procedemento de execución, e volverá transcorrer de novo o prazo se aquel está paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao colexiado sancionado.

4. O prazo de prescrición da sanción cando o colexiado sancionado quebranta o seu cumprimento comezará a contarse desde a data do quebrantamento.

Sección 4ª. Anotación de correccións e sancións disciplinarias

Artigo 82. Anotación

1. As correccións disciplinarias que impoñan os xulgados ou tribunais ao graduado social faranse constar en todo caso no expediente persoal.

2. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal.

Sección 5ª. Cancelación de sancións disciplinarias

Artigo 83. Supostos de cancelación

1. A anotación das sancións de reprensión persoal e apercibimento por escrito quedarán canceladas polo transcurso do prazo de seis meses desde que adquiriu firmeza, se durante ese tempo non dá lugar o sancionado a outro procedemento disciplinario que finalice coa imposición de sanción.

2. A anotación da sanción de suspensión poderá cancelarse, por instancia do interesado, cando transcorran polo menos dous ou catro anos desde a imposición firme da sanción, segundo que se trate de falta grave ou moi grave, sempre e cando durante ese tempo non dea lugar o sancionado a novo procedemento disciplinario que finalice coa imposición de sanción.

3. O colexiado sancionado coa expulsión do Colexio poderá solicitar da Xunta de Goberno a rehabilitación cando transcorran polo menos seis anos desde a imposición firme da sanción. Para tal efecto, instruirase o oportuno expediente, con audiencia do interesado, que resolverá a Xunta de Goberno de forma motivada en votación secreta, para o cal será necesario o voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros.

4. A reincorporación do colexiado sancionado non suporá a rehabilitación dos seus dereitos senón a incorporación como novo colexiado, coas obrigas e deberes que lle corresponden.

Título VI.- Do réxime dos acordos e a súa impugnación

Artigo 84. Executividade

Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados, ditadas no exercicio das súas funcións, serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se refira ao réxime disciplinario dos colexiados.

Artigo 85. Actas

1. No Colexio levaranse obrigatoriamente dous libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral e á Xunta de Goberno.

2. As actas serán asinadas polo presidente ou por quen o substitúa na Presidencia e polo secretario ou quen desempeñe as súas funcións.

Artigo 86. Recurso ordinario

1. Contra os acordos ou decisións do presidente e dos demais membros da Xunta de Goberno poderase recorrer ante esta no prazo de quince días, contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas que afecte. A Xunta de Goberno deberá resolver de forma expresa a impugnación no prazo de quince días, que se entenderá desestimada se transcorre o citado prazo sen se ditar resolución.

2. Contra a resolución expresa ou presunta do referido recurso caberá interpoñer recurso de alzada na forma prevista no artigo seguinte.

Artigo 87. Recurso de alzada

1. Os acordos adoptados pola Xunta de Goberno, así como os acordos dos demais órganos e os actos de trámite, se estes últimos deciden directa ou indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no seu defecto, ante o Consello Xeral, dentro do prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ou, se é o caso, notificación aos interesados.

2. O recurso presentarase ante a Xunta de Goberno que ditou o acordo, que deberá remitilo ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no seu defecto, ao Consello Xeral, no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. A interposición do recurso deberá expresar:

a) O nome e os apelidos do recorrente, así como a identificación do medio e, de ser o caso, do lugar que se sinale para efectos de notificacións.

b) O acto contra o cal se recorre e a razón da súa impugnación.

c) Lugar, data e identificación persoal do recorrente.

d) Órgano a que se dirixe.

e) As demais particularidades exixidas, de ser o caso, polas disposicións específicas.

Artigo 88. Suspensión do acto impugnado

1. A interposición do recurso, agás nos casos en que unha disposición estableza o contrario, non suspende a execución do acto impugnado, ben que o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no seu defecto, o Consello Xeral, logo de ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ao interese colexial ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se causa ao recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto contra o cal se recorre, poderá suspender de oficio, ou por solicitude do recorrente, a execución do acto contra o cal se recorre cando a execución poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación ou cando a impugnación se fundamente nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas no artigo 90 destes estatutos.

2. O acordo de suspensión deberá adoptarse no prazo de trinta días contados desde a solicitude, e entenderase concedida se transcorre o referido prazo sen ditarse resolución expresa.

Artigo 89. Recurso contra os acordos da Xunta Xeral

1. Contra os acordos da Xunta Xeral poderá recorrer a Xunta de Goberno ou calquera colexiado con interese lexítimo ante o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no se defecto, o Consello Xeral, no prazo dun mes desde a súa adopción, de acordo co que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a Xunta de Goberno entende que o devandito acordo é gravemente prexudicial para os intereses do Colexio ou contrario ao ordenamento xurídico, poderá, ao tempo de formular o recurso previsto no parágrafo anterior, suspender inmediatamente a execución daquel, que deberá ratificar ou deixar sen efecto o Consello Galego de Colexios Oficiais de Graduados Sociais ou, no seu defecto, o Consello Xeral, no prazo de dez días.

Artigo 90. Nulidade

1. Os actos dos órganos colexiais son nulos de pleno dereito nos casos seguintes:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluída a desviación de poder.

3. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanzar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A realización de actuacións fóra do tempo establecido para elas só implicará a anulabilidade do acto cando así o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 91. Recurso contencioso-administrativo

Contra os actos das xuntas xerais e da Xunta de Goberno do Colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, recorrerase directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, logo de comunicación ao órgano que ditou o acto impugnado.

Artigo 92. Notificacións de acordos e resolucións

1. As notificacións dos acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio e as decisións do presidente e demais membros dos órganos colexiados practicaranse na forma prevista na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os prazos expresados en días enténdese que son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos.

3. En todo o non expresamente regulado rexe como supletoria a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Título VII.- Das relacións coas administracións

Artigo 93. Relacións coas administracións públicas

1. O Colexio de Graduados Sociais relacionarase coa Administración xeral do Estado a través do Consello Xeral e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, así como coas administracións autonómicas segundo o seu ámbito territorial, de acordo coa Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, relacionarase cos órganos xurisdicionais e gobernativos do poder xudicial no ámbito da actuación dos graduados sociais nas súas funcións de representación técnica das partes ante xulgados e tribunais.

2. As xestións de carácter corporativo que o Colexio deba levar a cabo ante a Administración xeral do Estado efectuaranas directamente aqueles cando afecten cuestións da súa exclusiva competencia. Non obstante, cando as devanditas xestións, por razón da súa materia, afecten a competencia propia do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, realizaranse co seu coñecemento previo e na forma coordinada que este estableza.

Título VIII.-Procedemento de fusión, segregación e disolución

Artigo 94. Da fusión, segregación e disolución

1. Para a fusión con outros colexios da mesma profesión será necesaria a aprobación da Xunta Xeral convocada extraordinariamente para o efecto, e para a súa aprobación será necesario o voto favorable das tres quintas partes dos colexiados asistentes.

2. O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense disolverase cando o acorde a Xunta Xeral convocada extraordinariamente para o efecto, co voto favorable das tres quintas partes dos colexiados asistentes. Acordarase a disolución do Colexio cando a maioría sinalada considere que non é posible cumprir os seus fins. A disolución efectuarase segundo o disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e será aprobada por decreto do Consello da Xunta de Galicia de conformidade co adoptado en tal sentido pola Xunta Xeral de Colexiados e co informe do consello correspondente.

A iniciativa debe ir acompañada de:

a) Certificación do acordo de disolución adoptado de conformidade cos estatutos, co visto e prace da persoa que exerza a presidencia do Colexio.

b) Memoria xustificativa da necesidade e conveniencia da disolución.

c) Proposta de liquidación e composición da comisión de liquidación.

d) Inventario de bens, dereitos e obrigas que integren o patrimonio colexial, pechado na data da solicitude.

e) Auditoría de contas dos tres últimos exercicios orzamentarios.

Nos procedementos de extinción, calquera que sexa a súa causa, a proposta colexial deberá comprender un proxecto de liquidación e partición patrimonial elaborado conforme dispón o artigo 1.708 do Código civil e demais normas que resulten de aplicación.

3. Para proceder á disolución do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, a Xunta de Goberno nomeará unha comisión liquidadora integrada por un mínimo de cinco membros, a cal, no caso de que haxa bens e valores sobrantes logo de satisfacer as débedas, os adxudicará ao consello correspondente.

Título IX.- Normas favorecedoras de libre acceso aos servizos de Graduados Sociais.

Artigo 95. Portelo único

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, por si mesmo ou a través dos respectivos consellos autonómicos ou do Consello Xeral, disporá dunha páxina web e colaborará coas administracións públicas para que, a través do portelo único previsto na Lei de libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa nun colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia, así como realizar o resto das actuacións previstas na citada lei.

2. Por medio do portelo único os graduados sociais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan consideración de interesados e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Recibir as convocatorias ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e a información sobre a actividade pública e privada do Colexio.

3. A través do citado portelo único ofrecerase de forma clara e inequívoca a seguinte información:

a) O procedemento, a través de medios electrónicos de acceso gratuíto, ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán os nomes e apelidos dos graduados sociais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, co contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poidan interpoñer en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais dos graduados sociais se poidan dirixir para obteren asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

4. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, para o cumprimento do previsto neste artigo, incorporará as tecnoloxías precisas e creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con minusvalidez. Para iso, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, o Consello Autonómico e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España poderán pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, incluso coas corporacións doutras profesións.

5. O Colexio facilitará ao Consello Autonómico e ao Consello Xeral a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais.

Artigo 96. Memoria anual

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión, para o cal, cada un deles, elaborará unha memoria anual co contido exixido na Lei de colexios profesionais.

2. A citada memoria anual conterá, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente analizados.

b) Importe das cotas aplicables analizadas por conceptos e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do seu código deontolóxico.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros das xuntas de goberno.

3. A memoria anual farase pública no primeiro semestre de cada ano a través da respectiva páxina web. O Consello Xeral fará pública, xunto coa súa propia memoria, a información estatística exixida pola Lei de colexios profesionais. Para este fin, o Consello Autonómico e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense facilitarán a aquel a información necesaria para elaborar a memoria anual.

Artigo 97. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e aos colexiados

1. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos graduados sociais colexiados.

2. Así mesmo, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense disporá dun servizo de atención aos consumidores e usuarios que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais dos seus colexiados, así como as asociacións e organizacións de consumidores e usuarios, na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, a través deste servizo de atención aos consumidores e usuarios, resolverá as queixas ou reclamacións, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivándoos ou adoptando calquera outra decisión conforme dereito, segundo corresponda.

4. A regulación deste servizo deberá prever a posibilidade de presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Disposicións transitorias

Disposición transitoria primeira

Respectaranse as situacións creadas e os dereitos adquiridos conforme o réxime anteriormente en vigor, sempre que non se opoñan ao disposto nestes estatutos.

Disposición transitoria segunda

O mandato dos actuais membros da Xunta de Goberno continuará durante o tempo que resta ata a súa renovación, conforme as normas que regularon a súa elección.

Disposición transitoria terceira

Os expedientes disciplinarios abertos antes da entrada en vigor destes estatutos e que se atopen en tramitación na devandita data rexeranse ata a súa conclusión polas normas vixentes no momento da súa incoación.

Disposición adicional

Estes estatutos enténdense sen prexuízo do que sobre esta materia, de acordo coa Constitución, a lexislación do Estado e a do Estatuto de autonomía, regule a Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única

Estes estatutos son susceptibles de ser ampliados, modificados e/ou derrogados a través da canle de proposicións que realice a Xunta de Goberno e/ou os colexiados á Xunta Xeral de Colexiados da Coruña e Ourense, cos requisitos e trámites que se exixen para a admisión de proposicións, convocatoria, réxime xeral de debates e votacións previstos nos artigos 56 a 59 dos presentes estatutos, e sempre que se obteñan as dúas terceiras partes de votos favorables dos colexiados que constitúan a Xunta Xeral a que se sometan tales modificacións. A derrogación destes estatutos estará condicionada a que no mesmo acto queden aprobados uns novos estatutos colexiais.

Ocultar

Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Al pulsar Acepto consiente dichas cookies. Puede obtener más información pulsando Más información [Más información] o bien conocer cómo cambiar la configuración pulsando en configuración de cookies [Configuración de cookies].