Categorías:
O mércores 30 de setembro celebrouse a III Xornada Xurídica do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, que reuniu no Pazo de Mariñán a máis dun centenar de profesionais do ámbito xurídico-laboral para abordar dúas cuestións de especial relevancia na práctica laboral actual: as novas regulacións do tempo de traballo e a reforma do réxime da incapacidade permanente.
A xornada comezou coa intervención do presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, José Lage Cerviño, quen deu a benvida aos asistentes e agradeceu a participación de relatoras, autoridades, colaboradores e profesionais.
O acto inaugural contou tamén coas intervencións de Ignacio A. Picatoste Sueiras, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG); Susana Pérez Iglesias, secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; Antía Sández Callejo, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL); e José Ramón Riobóo Castro, deputado provincial das áreas de Facenda e Recursos Humanos da Deputación da Coruña.
[slide]

[/slide]
A xornada contou, así mesmo, cunha ampla representación institucional e profesional. Entre as autoridades presentes atopábanse Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo, e Iria Fernández, directora provincial do TGSS-INSS en Ourense. Tamén asistiron os presidentes dos Colexios de Graduados Sociais de Lugo e Pontevedra, Manuel Núñez e Raúl Gómez, respectivamente, así como representantes de distintas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.
Tras o acto inaugural, José Mª Santiago García, coordinador de Formación do Colexio, asumiu a moderación das sesións técnicas.

O tempo de traballo ante as novas formas de organización laboral
O primeiro relatorio estivo a cargo de Ignasi Beltrán de Heredia Ruiz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e director dos Estudos de Dereito e Ciencia Política da Universitat Oberta de Catalunya (UOC).
Baixo o título "Principais controversias ao redor do tempo de traballo", durante a súa intervención destacou que “As controversias ao redor do concepto de tempo de traballo e tempo de dispoñibilidade, así como a cualificación dos tempos de desprazamento esixen aclaración”, apuntou Beltrán. O mesmo ocorre con todo o relacionado co rexistro de xornada e o incumprimento do mesmo e a acreditación das horas extraordinarias.
Na actualidade, lembrou o catedrático de Dereito do Traballo, “o tempo e o espazo/lugar de traballo son conceptos que se volatilizaron, as novas formas de traballo moveron as súas fronteiras”, explicou, analizando ademais o impacto do Decreto 723 que regula as condicións laborais e a información que as empresas deben dar aos traballadores en materia de salario, xornada e horas extras para que sexan transparentes e previsibles e que entra en vigor o luns. O Decreto aprobado para dar cumprimento á Directiva europea ao respecto sinala que se lle ha de dar á traballadores información, elementos por escrito detallados sobre o tempo de traballo e as súas condicións. Segundo o experto, "se se quere cumprir realmente co espírito da Directiva non se deberá esquecer a necesidade de ser transparentes e non xerar escuridade alagándolles de información”. Un aspecto controvertido, no que o Decreto se afasta do fixado na Directiva, engadiu, é que non se determinan elementos sancionadores fronte ao incumprimento. Por iso, afirmou Ignasi Beltrán, “podería pasar que a Inspección de Traballo non teña instrumentos para sancionar”, asegurando por iso que a norma está viva e veremos como avanza.
Sobre o sistema de rexistro horario, Beltrán lembrou que este ten que ser obxectivo, fiable e accesible, tal e como confirma a recente sentenza do Supremo de abril de 2026 que determina que un rexistro que non cumpra esas características non é acorde a dereito.
[slide]

[/slide]
A empresa ten que actuar, non ser unha convidada de pedra
O segundo relatorio correu a cargo de Rosa Mª Virolés Piñol, maxistrada emérita do Tribunal Supremo, quen analizou a reforma do artigo 49 do Estatuto dos Traballadores tras a entrada en vigor da Lei 2/2025 e as súas consecuencias nos supostos de incapacidade permanente.
Pola súa banda, a maxistrada emérita do Supremo abordou a reforma que afecta á Incapacidade Permanente, que espertou desasosego e preocupación no empresariado deste país e nos operadores laboralistas. “A norma está clara e simplemente esíxense axustes razoables, unha adaptación do posto de traballo unha vez que se declara a incapacidade permanente, ou un cambio de posto se a primeira non é posible”, sinalou a maxistrada Rosa María Virolés. Pero se non hai posibilidade, insistiu, o contrato segue podendo extinguirse.
O cambio, incidiu a experta, é que a empresa non pode ser unha convidada de pedra. Unha vez que a persoa traballadora solicita a súa incorporación, a empresa ha de actuar. “A decisión hai que motivala e comunicala pois está suxeita a recurso os servizos de prevención da empresa teñen que actuar atendendo o perfil do traballador. Non é suficiente dicir que non está apto, hai que demostrar que intentaron facer esa adaptación. E iso é así porque o lexislador equipase ao traballador ao que se lle outorga a incapacidade permanente total a unha persoa discapacitada e por tanto calquera cuestión que afecte a un cambio no seu traballo pode ser unha vulneración dun dereito fundamental”, explicou.
[slide]

[/slide]
Clausura e colaboración
Clausúraa desta III Xornada Xurídica estivo a cargo da vicepresidenta 2ª do Colexio, Noelia Tomé Martínez, quen presentou as principais conclusións e trasladou os agradecementos a todas as persoas e institucións que fixeron posible o encontro.
A continuación, o vicepresidente 1º, David Doldán Palacios, pronunciou o discurso de clausura, antes do sorteo de obsequios entre os asistentes e do cóctel de despedida.

Esta terceira edición contou co apoio institucional da Deputación da Coruña, o Consello Galego de Relacións Laborais, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, así como coa colaboración de L@ndin Informática, GlobalFinanz e os provedores de software Factorial e Wolters Kluwer.
A III Xornada Xurídica tivo tamén repercusión en distintos medios de comunicación: [LaVozdeGalicia] [Xunta.gal] [21Noticias] [EntreNosDigital]
[slide]




[/slide]