Etiquetas:
[slide]
[/slide]
Os Colexios de Graduados Sociais de Galicia suman forzas para garantir o acceso á representación técnica gratuíta en procesos xudiciais
As Xuntas de Goberno dos Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia celebraron o día 23 de outubro de 2015, unha reunión para tratar as últimas modificacións da Lei de Enjuiciamiento Civil e Lei Orgánica do Poder Xudicial. Acudiron ao encontro as agrupacións da Coruña e Ourense, Lugo e Pontevedra.
A este primeiro encontro asistiron os presidentes dos tres colexios de Graduados Sociais: Dª Susana Soneira Lema (presidenta do Colexio da Coruña e Ourense), D. Manuel Núñez Carreira (presidente do Colexio de Lugo) e D. Raúl Gómez Villaverde (presidente do Colexio de Pontevedra) e as súas respectivas Xuntas de Goberno. O obxectivo é unir forzas e coordinar as actuacións ante os acontecementos que se aveciñan tras as modificacións destas leis, co fin de avanzar no acceso destes profesionais ao sistema de representación técnica gratuíta en procesos xudiciais. No transcurso do encontro establecéronse as bases para coordinar os contactos coas distintas administracións relacionadas coa actividade profesional dos Graduados Sociais de maneira mancomunada.
O pasado día 6 de outubro o BOE publicou a Lei 42/2015, do 5 de outubro, de reforma da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Enjuiciamiento Civil, na que na súa Disposición Adicional Undécima indica que con "co fin de elaborar, no mesmo prazo dun ano, un estudo sobre os desenvolvementos normativos necesarios para a adaptación do marco legal que posibilite, no seu caso, o acceso dos graduados sociais ao sistema de representación técnica gratuíta, constituirase no prazo de tres meses unha comisión mixta formada polo mesmo número de representantes do Consello Xeral da Avogacía e do Consello Xeral de Graduados Sociais, da que formarán parte os expertos, en igual número, que designe o Ministerio de Xustiza."