Categorías:
Etiquetas:
O pasado día 1 de febreiro, mantívose unha reunión na nosa sede colexial, con representantes dos Letrados da Administración de Xustiza en referencia ao paro convocado desde o pasado día 24 de xaneiro.
Asistiron en representación do Colexio, Susana Soneira, Presidenta, Alejandro Pérez Otero, Vicepresidente 1º, Noelia Tomei Martínez, Inteventora -Contadora e conectou por videoconferencia Cándido Sanisidro, Tesoureiro desta Corporación.

Desde o pasado 30 de xaneiro, os LAJ mantiveron encontros coas máximas autoridades xudiciais, tanto de Galicia como da Coruña. Esta semana, reuníronse co presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Ignacio Picatoste Sueiras; o decano dos Xulgados da Coruña, Luís Pérez Merino; e o fiscal xefe provincial da Coruña, Javier Rey Ozores. Os LAJ trasladáronlles os motivos da folga indefinida, iniciada o pasado 24 de xaneiro, e aseguran que todas as autoridades xudiciais “mostraron unha liña de dialogo directa e altamente comprensiva, pero tamén unha profunda preocupación polas importantes repercusións que se producen no ámbito xudicial”.
Os letrados lembran que a oficina xudicial “serve de soporte e apoio á actividade xurisdicional de xuíces e maxistrados, actividade que, coa situación provocada pola folga, vese afectada”. Ademais, afirman que “todas as autoridades mostraron o seu desexo dunha pronta solución por parte do Ministerio de Xustiza”, pois subliñan que a cidadanía, como destinataria do servizo público, é a prexudicada.
Os representantes dos letrados da Administración de Xustiza tamén mantiveron encontros co Colexio de Avogados, co de Procuradores ademas de con os Graduados Sociais da Coruña, pois os operadores xurídicos aos que representan tamén padecen as consecuencias do conflito, “cun grave detrimento no exercicio das súas profesións”. Os colexios, segundo indican os LAJ, “fixeron fincapé na necesidade de chegar a unha pronta solución, instando o Ministerio de Xustiza a que convoque ao comité de folga para achegar posturas e alcanzar un acordo que poña fin ao conflito”.
A folga foi convocada conxuntamente polas tres asociacións representativas do Corpo -Colexio Nacional de Letrados da Administración de Xustiza, Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza e AINSEJU- #ante o incumprimento por parte do Ministerio de Xustiza dos acordos alcanzados o pasado mes de abril, que conlevou a desconvocatoria de paros parciais.
Os letrados destacan que a folga “continúa tendo un amplísimo apoio”, pois sitúan o seu seguimento, ata o de agora, no 78 %, pero prevén que poida ir aumentando. Así, recalcan que os letrados da Administración de Xustiza do Tribunal Supremo anunciaron hoxe a súa adhesión.
“Como xa manifestamos en anteriores ocasións, tentamos evitar por todos os medios ter que chegar ata aquí. Pilar LLop, á fronte do Ministerio de Xustiza e de todo o seu equipo, ata o día de hoxe non mostrou achegamento algún, senón todo o contrario”, sinalan os LAJ, quen denuncia que se dirixiron cara ás súas colectivo “descualificacións polo exercicio do dereito á folga”.
Ademais, sinalan que onte, o seu superior xerárquico, que é o secretario xeral para a Innovación e Calidade do Servizo Público, Manuel Olmedo Palacios, notificoulles que acordou “non autorizar o goce de días de vacacións nin asuntos particulares de 2023, só excepcionalmente por razóns familiares e debidamente xustificadas”, o que subliñan que “contravén os dereitos de calquera traballador”, polo que xa recorreron esa decisión.
Reunión con Xunta
Ao ter Galicia transferidas as competencias en Xustiza sobre medios materiais e persoais, fóra de xuíces, maxistrados, fiscais e letrados da Administración de Xustiza, quen non dependen do Goberno galego, os LAJ, como directores funcionais dos funcionarios -dependentes da Xunta- que prestan os servizos nestas oficinas, consideran necesario analizar coa Administración autonómica as consecuencias da folga. Por iso, as dúas asociacións profesionais -Colexio Nacional de Letrados da Administración de Xustiza e Unión Progresista de Letrados da Administración de Xustiza- manterán un primeiro contacto co director xeral de Xustiza o vindeiro venres 3 de febreiro, ás 10.30 horas, na sede da Escola Galega de Administración Público (EGAP), situada en Santiago de Compostela.