A Coruña, 13 setembro de 2024.- O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense contará en breve cun Punto de Información Catastral (PIC) na súa sede, tras ser aprobado na xunta directiva celebrada na tarde de onte, onde ademais e entre outros asuntos deuse conta dos acordos e decisións alcanzados polo pleno do Consello Xeral de GGSS celebrado o pasado día 6. O PIC permitirá a consulta e certificación de datos catastrais xenerais e protexidos, a emisión de certificacións negativas e a consulta de solicitudes de axuda da última PAC. Na web do colexio están publicadas as tarifas deste servizo que ademais será gratuíto para colexiados que actúen en calidade de titular ou herdeiro do ben sobre o que se consulte. Estes, ademais, terán acceso en liña ao PIC.
Calendario formativo ata fin de ano
O Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense encara así mesmo o último cuadrimestre do ano cun programa formativo que abordará, entre outros asuntos, unha xornada sobre Enfermidade Profesional, outro sobre a aplicación da norma que regula o Dereito á seguridade e saúde no traballo das empregadas do fogar, otro sobre xestión de PRL para Pemes e unha cuarta sobre Adaptación ao cambio.
O primeiro dos cursos, sobre Enfermidade Profesional, celebrarase o 3 de outubro na sede colexial. O 4 a xornada estará dedicada á nova norma que regula o Dereito á seguridade e saúde no traballo das empregadas do fogar, formación que correrá a cargo de expertos de TAPREGA. O 7 de novembro terá lugar a formación centrada en Xestión de Prevención de Riscos Laborais en Pemes. E o 10 de decembro, celebrarase a xornada sobre Adaptación ao cambio; os ciclos do 3, 7 e 10 de outubro serán impartidos por especialistas de FREMAP nesas tres áreas. Como vén sendo costume e para comodidade dos interesados que non poidan asistir presencialmente, terán tamén acceso en liña.
O Concurso do Nadal de Debuxo cumpre xa trece anos
Trece anos xa. Este nadal o Concurso de Debuxo organizado polo Colexio para os fillos e familiares dos colexiados alcanza a súa edición décimo terceira. Será a ilustración elixida a que se converta na felicitación do Nadal oficial da entidade para este 2024. A xunta directiva invita a todos os asociados a convidar os seus pequenos a participar confiando en que, un ano máis, sexan moitos os orixinais presentados. Como en cada edición, as bases do concurso de debuxo poderán ser consultadas en www.graduadossociales.org
Outros
Na xunta de onte tamén foi aprobado o novo convenio de colaboración coa ERLAC (Escola de Relacións Laborais da Coruña), que será firmado na reunión extraordinaria do Patronato da Escola do próximo día dezanove.
