Categorías:
Etiquetas:
Durante a tarde do 1 de xullo celebrouse no Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña), o acto de inauguración da XXVII edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, centrada este ano na nova Lei Orgánica de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza. Atendendo á invitación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, José Lage Cerviño, acudiu en representación da nosa corporación.
O acto contou coa participación da vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), Gema Espinosa, quen destacou a importancia do compromiso colectivo na transformación do sistema xudicial. Tamén interviñeron o vogal do CGPJ José María Fernández Seijo, o vogal territorial en Galicia José Luis Costa Pillado, o conselleiro de Xustiza da Xunta de Galicia, Diego Calvo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, entre outras autoridades xudiciais, civís e militares.
A Escola de Verán desenvolverase ata o 11 de xullo, coa participación de xuíces e xuízas de toda España. Ao longo das xornadas abordaranse temas clave como a reorganización xudicial, o investimento en tecnoloxía e a implantación de novos modelos organizativos na Xustiza.
A asistencia do presidente do Colexio reforza o compromiso dos Graduados Sociais cunha Xustiza moderna, eficaz e ao servizo da cidadanía.
