Categorías:
Etiquetas:
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou na recepción de Nadal celebrada a mañá do día 22 de decembro no Palacio de María Pita que "A Coruña recuperou a ambición en 2022" nun ano que definiu como de "progreso e ilusión" para a cidade, a pesar do complicado contexto económico.
A alcaldesa subliñou que, sen esa ambición, a cidade non tería conseguido ser sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) e agradeceu a todas as institucións e axentes económicos e sociais o seu traballo para logralo. "É un triunfo colectivo que será un elemento central no modelo de futuro que defendemos para A Coruña, e que nos permitirá recuperar a posición de liderado que nos corresponde".
Ao acto asistiu Miguel Angel Domínguez Losada, Secretario deste Colexio Profesional, así como persoas pertencentes a diversas institucións en representación do tecido económico e social da cidade.
A rexedora repasou tamén as principais actuacións levadas a cabo nos barrios para a recuperación de espazos para a cidadanía, como a ronda peonil ou as políticas a favor dunha mobilidade máis sostible, destacando que "as políticas de humanización non teñen volta atrás" e lembrou o impulso cultural dado polo Goberno municipal á cidade, recuperando Riazor trinta anos despois para concertos, con cifras récord de asistentes ás festas de María Pita, e a aposta por volver a facer da Coruña un destino turístico de referencia que levou a medios turísticos especializados a recoñecer A Coruña como "destino imprescindible".