Categorías:
Etiquetas:
A presidenta desta Corporación, Susana Soneira, acompañada por unha representación da Xunta de Goberno, asistiu o pasado día 7 de outubro, á “IV XORNADA IUSLABORALISTA” que o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo celebrou co obxectivo de analizar en detalle distintos aspectos clave da Real Decreto Lei de medidas urxentes para a reforma laboral, aprobado o pasado 30 de decembro polo Goberno, e valorar o resultado da súa aplicación práctica ata o momento. Esta edición regresa así á cidade de Lugo tras a edición de 2016 e despois de ter que pospoñer a cita prevista para 2020 debido á pandemia.
O encontro, cuxo director é o catedrático emérito Germán Barreiro, celebrouse durante toda a mañá no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. Dirixida a profesionais do dereito laboral e de recursos humanos, así como a estudantes do grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos, a xornada, de carácter gratuíto, contou coa asistencia de máis dun centenar de participantes.
[slide]







[/slide]
No acto de inauguración interveu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Graduados Sociais de España, Ricardo Gabaldón, e o presidente dos graduados sociais da provincia lucense, Manuel Núñez. A primeira das conferencias, baixo o título "A suspensión do contrato de traballo como alternativa á súa extinción", foi impartida por Juan José Fernández Domínguez, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universidade de León e técnico superior en prevención de riscos laborais. Despois interviñeron os catedráticos de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Coruña (UDC) Jesús Martínez Girón e Alberto Arufe que coa súa charla, "A suposta desaparición do contrato de obra ou servizo determinado", abordaron un dos aspectos esenciais da reforma. Por último, a presidenta emérita do Tribunal Constitucional María Emilia Casas foi a encargada de pechar o ciclo de conferencias con "A negociación colectiva".
A xornada finalizou cun acto no que participou Manuel Nuñez, o presidente dos graduados sociais de Lugo e o presidente da Deputación lucense, José Tomei.