Categorías:
O mércores 20 de maio tivo lugar en Santiago de Compostela a reunión convocada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez, con representantes dos Colexios Oficiais de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Lugo e Pontevedra, para analizar as medidas previstas para abordar o absentismo laboral derivado das baixas médicas en Galicia, incluíndo a posible creación dun organismo específico de ámbito galego para a súa xestión e seguimento.
En representación da nosa corporación asistiron José Lage Cerviño, presidente; Sara Costela Viña, tesoureira; Celestino Vieites Sánchez, secretario; Juan Martínez García, vicesecretario; José Manuel Regueira Vázquez, interventor-contador; e Francisco Camino Guntín, vogal exercente.
Durante o encontro, os representantes dos tres Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia trasladaron á Xunta a súa disposición para colaborar no deseño de estratexias que permitan reducir o impacto económico e social do absentismo laboral, unha problemática especialmente preocupante en Galicia.
Os representantes colexiais coincidiron en sinalar a necesidade de abordar esta realidade desde unha visión integral, evitando criminalizar ás persoas traballadoras e tendo en conta factores como a saturación do sistema sanitario, as demoras en probas e consultas especializadas, así como as dificultades de control e seguimento que afrontan mutuas e administracións.
Así mesmo, defenderon a importancia de reforzar a prevención de riscos laborais, mellorar o benestar nas empresas e optimizar os procesos de xestión e control das incapacidades temporais.
A reunión permitiu abrir unha vía de diálogo e colaboración entre a Xunta de Galicia e os profesionais graduados sociais para avanzar en solucións eficaces e equilibradas ante un dos principais retos actuais do mercado laboral galego.
O encontro tivo repercusión en distintos medios de comunicación autonómicos, que recolleron tanto a súa celebración como as propostas e reflexións trasladadas polos Graduados Sociais. [Xunta.gal] [LaVozdeGalicia] [GaliciaPress]
[slide]
[/slide]