Categorías:
Os graduados sociais adscritos ao Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense poderán incorporar en breve á súa carteira de servizos a tramitación e xestión de documentos ante a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), un avance que xa espertou o interese dos medios de comunicación.
De feito, esta iniciativa foi recollida polo diario La Opinión A Coruña, que destaca como os graduados sociais “conquistan Tráfico” ao abrirse á xestión directa de trámites ante a DXT, un fito na evolución desta profesión.
https://www.laopinioncoruna.es/galicia/2026/03/26/graduados-sociales-coruna-ourense-conquistan-trafico-dgt-tramites-gestiones-128451507.html
Con este obxectivo, na mañá do 26 de marzo os colexiados participaron nunha xornada formativa en liña centrada no uso da nova Plataforma de Xestión desenvolvida polo Consello Xeral de Graduados Sociais de España. Esta ferramenta permitirá realizar trámites directamente coa DXT de forma áxil, segura e telemática, en liña co publicado polo citado medio.
A sesión foi impartida pola subjefa provincial de Tráfico de Madrid, Paula Azcaray Anta, e estivo orientada a reforzar os coñecementos e competencias profesionais neste ámbito. Durante a formación abordáronse procedementos como a xestión de baixas temporais de vehículos e as súas prórrogas, altas tras baixa temporal, duplicados de permisos de circulación, cambios de domicilio fiscal do titular, transmisións de titularidade, notificacións de compravenda e baixas definitivas.
Esta iniciativa responde a unha reivindicación histórica do Consello Xeral de Graduados Sociais de España, que traballou durante anos para que estes profesionais poidan operar ante a DXT en condicións similares ás doutros operadores habilitados. A firma do correspondente convenio con Tráfico e a posta en marcha da plataforma tecnolóxica permitiron dar este paso definitivo.
