Categorías:
Desde que en 2007 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 20 de febreiro como Día Mundial da Xustiza Social, esta data consolidouse como unha ocasión para reflexionar sobre a igualdade, a dignidade no traballo e a protección dos dereitos fundamentais.
Con motivo desta conmemoración, o venres 20 de febreiro de 2026, o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, José Lage Cerviño, acompañado por membros da Xunta de Goberno, Tino Vieites, secretario, e Maite López, vocal, mantiveron un encontro co alumnado do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos da ERLAC, na Coruña.
A visita tivo lugar na clase de 2º curso de Dereito Sindical, impartida polo profesor Felipe Martínez Ramonde, e permitiu compartir cos futuros Graduados e Graduadas Sociais unha reflexión sobre o significado e alcance da Xustiza Social, un concepto que abarca cuestións esenciais como a igualdade de oportunidades, a erradicación da pobreza, a loita contra a discriminación e a inclusión social.
O papel transformador dos Graduados Sociais
Na súa intervención o noso presidente profundou no protagonismo que a profesión elixida polos estudantes de Relacións Laborais ten respecto a iso, asegurando que a Xustiza Social ten moito que ver co traballo digno e a protección social, áreas nas que este colectivo ao que en breve incorporarédesvos xoga un papel transformador.
Os nosos representantes insistiron en trasladarlles aos alumnos e alumnas que no seu futuro exercicio profesional estarán obrigados a garantir a igualdade de dereitos e oportunidades e a defender o acceso aos recursos, a equidade, a participación, a diversidade e os DDHH. E que iso pode facerse no día a día e desde o pequeno, “desde a xestión correcta dunha nómina, os seguros sociais, a mediación nun conflito laboral, a defensa dos dereitos dos traballadores…”. “A integración da IA nos procesos laborais é sen dúbida un novo reto no que tamén teredes que estar alerta en aras da Xustiza Social”, sinalou Lage Cerviño.
“Sodes o futuro do laboralismo e non é unha frase oca. En nada estará nas vosas mans a Xustiza Social no día a día da vosa actividade profesional como Graduados Sociais”, lembrou o profesor Martínez Ramonde ao seu alumnado.
