Categorías:
O pasado venres, 28 de agosto, o presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, José Lage Cerviño, acompañado pola vicepresidenta segunda do Colexio, Noelia Tomé Martínez, foi recibido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nas instalacións da institución provincial.
Durante o encontro, o noso presidente presentou o programa da III Xornada Xurídica, que se celebrará o próximo 30 de setembro no Pazo de Mariñán, e compartiu co presidente da Deputación os principais contidos desta nova edición dun encontro que se consolidou como unha cita de referencia en Galicia para a análise e debate da actualidade xurídico-laboral.

O tempo de traballo e a reforma da incapacidade permanente, protagonistas desta edición
A xornada contará coa participación de dous salientables especialistas do ámbito xurídico-laboral: Rosa María Virolés Piñol, maxistrada emérita do Tribunal Supremo, e Ignasi Beltrán de Heredia Ruiz, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat Oberta de Catalunya (UOC).
O programa desta terceira edición abordará dúas cuestións de especial relevancia tanto para os traballadores como para os profesionais do ámbito laboral e da Seguridade Social: o tempo de traballo, con especial atención a aspectos como a xornada, a conciliación e a desconexión dixital, e as consecuencias derivadas da recente reforma legal en materia de incapacidade permanente, unha cuestión de gran actualidade e impacto nas relacións laborais.
Máis dun centenar de profesionais e estudantes
O encontro reunirá novamente a máis dun centenar de profesionais laboralistas e estudantes de Relacións Laborais e Ciencias do Traballo, consolidándose como un espazo para a actualización de coñecementos e o debate sobre as principais novidades e retos do Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Durante a reunión, o noso presidente e a vicepresidenta segunda trasladaron o seu agradecemento a Valentín González Formoso polo apoio e compromiso da Deputación da Coruña coa organización deste salientable encontro formativo e de debate.
A cita celebrarase o 30 de setembro, a partir das 16.30 horas, no Pazo de Mariñán, e a inscrición permanecerá aberta ata o 23 de setembro.
A reunión, recollida polos medios de comunicación
A reunión tamén tivo repercusión nos medios de comunicación, entre eles 21 Noticias, que se fixo eco do encontro e da celebración da III Xornada Xurídica. [Ver noticia]