Categorías:
Durante a tarde do 19 de novembro, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense celebrou a xornada “Protocolo de Acoso e Medidas LGTBI”, unha iniciativa coa que buscamos ofrecer a profesionais e empresas ferramentas prácticas para promover contornas laborais seguros, inclusivos e respectuosos.
A sesión, desenvolta en formato híbrido desde a nosa sede colexial, foi inaugurada por José María Santiago García, coordinador de Formación, quen tras unha breve introdución deu paso a José Lage Cerviño, presidente do Colexio, encargado de presentar á relatora: Sandra García Lombardía, Inspectora de Traballo e Seguridade Social e Coordinadora de Igualdade en Galicia.
Durante a súa intervención, a relatora explicou as obrigacións das PEMES na prevención do acoso e destacou a importancia de dispoñer de protocolos ben elaborados e negociados. Tamén abordou as novidades en materia de igualdade dirixidas ao colectivo LGTBI e detallou as actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social na implantación de protocolos fronte a situacións de acoso e violencia.
Medios como 21NOTICIAS fixéronse eco da xornada, subliñando a súa relevancia e o papel do noso Colexio na difusión e correcta aplicación dos protocolos de prevención do acoso, especialmente no ámbito das PEMES, onde aínda persisten importantes retos de cumprimento.
