Categorías:
A Coruña, 21 de outubro de 2026.- O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense celebrou este mércores unha xornada formativa en formato híbrido, presencial e en liña, na que o doutor en Dereito e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo López Mosteiro, presentou o seu libro “Trabajadores inmigrantes en España”, unha guía práctica sobre a integración dos costumes e crenzas das persoas inmigrantes no marco xurídico laboral español.
O presidente do Colexio, José Lage Cerviño, e o coordinador de Formación, José María Santiago García, presentaron a sesión, centrada nas implicacións prácticas desta realidade para empresas e profesionais do asesoramento laboral.
Durante a súa intervención, López Mosteiro abordou cuestións como o Ramadán, o vestiario por motivos relixiosos, a poligamia, o reagrupamento familiar e a Kafala, así como a súa incidencia nas relacións laborais e nas prestacións da Seguridade Social.
O relator destacou as dificultades que afrontan empresarios e asesores ante a escasa regulación e xurisprudencia existente. Entre as resolucións analizadas, referiuse ás relativas ao uso de pezas relixiosas e ás pensións de viuvez en situacións de poligamia, ámbito no que destaca unha sentenza pioneira ditada polo Xulgado do Social n.º 3 da Coruña en 1998.
A publicación recolle a experiencia dos seus 46 anos de traxectoria profesional como avogado e ofrece un enfoque práctico para axudar a resolver situacións que poden xurdir nunha contorna laboral cada vez máis diverso.
