Categorías:
O venres 24 de abril, a Facultade de Relacións Laborais da Universidade de Santiago de Compostela conmemorou o Día do Traballo cun acto institucional celebrado no Salón de Graos.
Durante a cerimonia, entregáronse diversos premios que recoñecen a excelencia académica e os valores profesionais do alumnado e profesorado do centro. Un dos galardóns máis salientables foi o “Premio Profesor Javier Marañón”, que distingue ao estudante que mellor exemplifica os valores sociais e académicos da Facultade e da profesión. Este premio foi outorgado a Juan Manuel Iglesias García, quen recibiu o recoñecemento de mans dos representantes do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, Celestino Vieites Sánchez, secretario, e Maite López Gacío, vogal ejerciente da Xunta de Gobierno.
Así mesmo, entregouse o “Premio Elizabeth Suárez” ao mellor expediente académico do curso 2024/2025, que recaeu en Mª Eugenia Alonso Bayle. Tamén se entregaron os Premios Profesor Joaquín Vidal Portabales aos mellores Traballos Fin de Grao, e celebrouse a III Edición dos Premios á Excelencia Académica do Profesorado da Facultade de Relacións Laborais.
A xornada contou así mesmo coa conferencia do catedrático de Psicoloxía Social Jorge Sobral Fernández, titulada “Malos traballadores ou traballadores malos?”, que centrou a súa intervención en cuestións vinculadas á psicoloxía do traballo e a conduta laboral.
O evento tivo ademais repercusión en medios de comunicación como La Voz de Galicia e Diario de Santiago, que destacaron a entrega do Premio Profesor Javier Marañón e puxeron en valor o papel da Facultade como referente no ámbito das Relacións Laborais, reafirmando o seu compromiso coa calidade docente, a investigación e a transferencia de coñecemento, así como a súa estreita vinculación coa contorna profesional.
[slide]
[/slide]