Categorías:
Con motivo do Día Mundial da Xustiza Gratuíta, o Colexio súmase a esta conmemoración para poñer en valor a importancia de garantir que ningunha persoa vexa limitada a defensa dos seus dereitos pola súa situación económica.
O acceso á xustiza é unha peza esencial do noso Estado de Dereito. Non se trata unicamente de poder acudir a un xulgado, senón de contar coa orientación, a asistencia e a defensa necesarias para facelo con todas as garantías. A Constitución Española recoñece o dereito á tutela xudicial efectiva e establece que a xustiza será gratuíta nos casos previstos pola lei e, en todo caso, para quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.
Neste contexto, a xustiza gratuíta cumpre unha función social imprescindible, ao permitir que todas as persoas poidan defender os seus dereitos en condicións de igualdade.
Desde a profesión de Graduado e Graduada Social coñecemos ben a importancia de acompañar a persoas traballadoras, empresas, persoas autónomas e colectivos vulnerables en situacións onde o asesoramento e a defensa poden marcar unha diferenza real. No ámbito laboral e da Seguridade Social, detrás de cada procedemento hai moito máis que un expediente: hai unha prestación, un despedimento, unha incapacidade, unha reclamación salarial ou unha situación de vulnerabilidade que require unha resposta eficaz.
Neste Día Mundial da Xustiza Gratuíta, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense reafirma o seu compromiso coa defensa dunha xustiza accesible para toda a cidadanía, porque garantir o acceso á xustiza é tamén defender a dignidade das persoas, a igualdade de oportunidades e a protección efectiva dos seus dereitos.
