Categorías:
O Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, en colaboración con FREMAP, celebrou na mañá do 9 de abril unha xornada formativa baixo o título “Comunicacións urxentes á Autoridade Laboral”.
A sesión, desenvolvida en formato webinar, foi inaugurada por José María Santiago García, coordinador da Comisión de Formación do Colexio, quen deu a benvida aos asistentes e cedeu a palabra ao presidente do Colexio, José Lage Cerviño, xunto con Carlos Llanos Santos, director rexional de FREMAP en Galicia, e Belén Estévez Costas, directora de FREMAP na Coruña. Tras un breve intercambio de agradecementos, interveu a relatora María José Dobarro Otero, xestora e formadora de FREMAP, quen durante máis de 90 minutos abordou os aspectos clave das comunicacións urxentes á Autoridade Laboral en casos de accidentes graves, moi graves, con falecidos ou múltiples.
Explicouse que son estas comunicacións, cando e como realizalas, incluíndo recomendacións prácticas, responsabilidades empresariais e requisitos legais, a partir da análise de casos reais. A xornada contou coa participación de máis de medio centenar de graduados sociais, consolidándose como o inicio dun novo ciclo de colaboración formativa entre ambas as entidades.
Así mesmo, a acción formativa espertou o interese de distintos medios de prensa dixital, como #21NOTICIAS, que puxeron o foco nos protocolos de comunicación ante accidentes laborais graves, múltiples ou mortais, nun contexto especialmente relevante en Galicia, quinta comunidade autónoma en accidentes laborais mortais.
