Categorías:
O 2 de outubro, Día Internacional da Non Violencia, invítanos a reflexionar sobre a importancia do respecto, o diálogo e a convivencia na nosa forma de relacionarnos e afrontar os conflitos.
Esta data foi establecida por Nacións Unidas en 2007 e coincide co aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, referente universal da resistencia non violenta e da defensa dos dereitos civís.
Falar de non violencia non significa pensar unicamente en grandes conflitos. Tamén implica recoñecer e previr aquelas formas de violencia máis cotiás que poden aparecer nunha burla, unha discriminación, unha exclusión ou unha agresión, tamén no ámbito dixital.
A non violencia tampouco supón negar a existencia de conflitos, senón apostar polo diálogo, a escoita, o respecto e a empatía para abordalos e buscar solucións.
No ámbito laboral, promover contornas baseadas no respecto, a igualdade e unha adecuada xestión dos conflitos contribúe a mellorar a convivencia e a protexer os dereitos e a dignidade das persoas.
Desde o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense sumámonos a esta xornada e reafirmamos a importancia de seguir promovendo estes valores nos nosos despachos, no exercicio profesional e no conxunto da sociedade.
